Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

OS CAMIÑOS DA VIDA

Xosé Luis Méndez Ferrín

Afear Xinzo de Limia

A entrada en Xinzo de Limia pola estrada nosa, ou sexa de Celanova, n´hai duda que é encantadora -dito con palabras de Rosalía de Castro-. O viaxeiro, mormente se é verao e hora da sesta, síntese protexido daquel sol de xustiza por un dosel verdegaio. Pradairos mansos, ou senón plátanos idosos, en ringleira, coma nas vellas estradas napoleónicas, dannos a benvinda á vila e acóllennos nun útero vexetal reconfortante.

A Xunta de Galicia quer cortar os pradairos mansos da ruta de Celanova, en Xinzo. Argúe o voceiro da Xunta, que as árbores condenadas a morte "pertencen a unha especie alóctona e carecen de protección". A palabra "alóctona" por etimoloxía intuitiva e impresionista, entendo que ha ser o antónimo de "autóctona". O plátano ou pradairo manso é, certamente, unha especie que veu de fóra, como parece indicar o seu nome científico: "plantanus orientalis", se é que non me equivoco. É impropio decer que os plátanos poden eliminarse por non pertenceren a unha especie autóctona. Ser, tamén é alóctono, e non galego, o apelido Menéndez, que é o do portavoz da Xunta en materia das árbores de Xinzo de Limia. E non por iso lle discutimos a este señor o seu dereito a falar no parlamento de Galicia. E que os plátanos ou pradairos mansos de Xinzo carezan de calquera protección é algo ben evidente xa que a Xunta quere acabar con eles usando das súas competencias.

Houbo un alcalde, do PP coma o representante da Xunta que, en Bande talou uns negrillos (de nome alóctono) ou choupos ou chopos ou, mesmo, lamigueiros ("populus nigra"), que enaltecían unha das estradas da vila. Aquilo fora para anchear a estrada que nos leva a Lobios. Se seguimos a Fondo de Vila, ou sexa a Lobios, para xantar no Lusitano ou no Cubano, ou imos ás Caldas do Gerês mesmo, observaremos o seguinte. O centro municipal de Lobios goza do privilexio de ter unha avenida asombrada (óptima nos veraos tórridos da zona arraiana do Val do Limia), por unha formación de pradairos mansos ou sexa plátanos.

Un alcalde que non era do PP para nada, tivo o acerto de esixir que se respeitasen os plátanos nunhas obras de ampliación e agora fruén deles viciños e visitantes. Dúas interpretacións do urbanismo vilego contrapóñense; velaí. Segundo parece no PP propóñense afear a estrada a Xinzo de Limia segundo entra naquela vila un viaxeiro procedente do val do Sorga.

Compartir el artículo

stats