Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Morte e resurreción do viño albariño

Non é verdade que Fraga Iribarne fose o principal valedor da Festa do Albariño de Cambados. Antes de el ser ministro iniciárase o acontecemento, que foi impulsado por un grupo de persoas da vila e do Salnés, algunha tan ilustre en campos diversos da viticultura como é o caso do avogado Isidoro Millán Mariño. Tamén avogado, e residente en Vigo, era Bernardino Quintanilla, recoñecido prosista.

Foise abrindo paso a idea de que había que recuperar as castes de videira autóctona, moi perdidas e descoidadas polo seu baixo rendemento cuantitativo aínda sendo valiosísimas desde o punto de vista da cualidade e personalidade. Elixiuse unha caste branca, o albariño, para iniciar o grande resgate dos viños galegos. Quedaba albariño en diversas ribeiras de comarcas galegas. Estas alén do Salnés, eran o Morrazo, o Baixo Miño (alí dito "abelleiro"), o Condado e en toda a beira esquerda do Miño que é portuguesa. Pero en 1958 preferiuse asentar o capital do albariño recuperado no Cambados "probe figaldo e soñador" por súa vez capital da belísima bisbarra do Salnés. Non cantou Cabanillas ao viño albariño, senón ao espadeiro que hoxe só se atende debidamente en bacelos de enforcado das encostas próximas a Braga. En Rosalía de Castro encontramos a primeira mención poética dos acios de albariño, cando ela evoca, malencónica, a nenez e introduce no verso unha "parra de albariñas uvas".

E ben, a Festa do Albariño e a rehabilitación de tal viño foi posible pola intervención desinteresada e militante dalgúns dos mellores poetas e prosistas que cada ano escenificaban en Cambados a Festa: Otero Pedrayo, os Alvarez Blázquez, Pedro Díaz, Celso Emilio, Castroviejo, entre outros importantes escritores do momento, inventaron de novo o Albariño coa maxia das súas palabras. Pero, por cima de todos, á miña memoria vén a figura de Álvaro Cunqueiro como oficiante supremo do liturxia cambadesa do albariño. E aínda máis, sen o apoio teimoso do Faro de Vigo, baixo a dirección de Leal Insua, o albariño non se convertiría no viño que é hoxe. Polo tanto entendo que a estatua que lle levantaron a Fraga Iribarne en Cambados está moi ben retirada do espazo civil e público. A quen lle debe un monumento Cambados é a Álvaro Cunqueiro e ao coro de poetas e oradores que recuperaron o albariño real e fundaron o mito contemporáneo do albariño coas súas palabras e os seus soños.

Compartir el artículo

stats