Leo nun xornal madrileño do réxime, non sei se en "El País" o en "La Razón": os rebeldes ao goberno chavista van á mobilización total. As dúas palabras anteriores conducen directamente a Ernst Jünger, un dos intelectuais nazis que, con Heidegger e Jung, indultaron os aliados occidentais. "Mobilmachung", velaí a verba, aparatosa e militarista, que resulta ser clave estilística de Jünger. En realidade, este autor sublimouna poñéndolle "total" por dediante: "Die totale (ou total) Mobilmachung".

Os discursos de Goebbels estaban izados de picoutos en falsete que cantaban: "total", "totaler". "Totalitarismus", velaí a palabra odiosa na súa substantivación abstracta final. Hai xente boa que se escandaliza por o Imperio escoller a vía da "total Mobilmachung" para ocupar o poder que obtiveron democráticamente gobernos coma o de Venezuela. Lembremos que, o golpe de Kiev foi espectacular pola súa violencia e pola turbia alma que demostraron ter envocada no peito os fillos do nazi ucraino Bandera. Hitler e os seus, antes do éxito electoral, ensaiaron o asalto ao poder da república de Weimar. Mussolini quixo estar grandioso na marcha masiva sobre Roma, con éxito. En non falemos das "primaveras árabes" senón de "la conquista del Estado (dicía un fascista español) mediante la dialéctica de los puños y de las pistolas" (palabras non menos fascistas e non menos españolas).

O caso é que as primaveras árabes e os exércitos dos EE UU e da NATO, en movementos tan ben combinados como o do BPS mau e o BPS bon na comisaría de Luís Taboada, Vigo. Para o Imperio e para as cavernas de Miami (a capital financeira da que fora chamada Hispanidad), Venezuela debe ser recobrada para as oligarquías e para o Imperio. Primeiro tiveron a Pérez Jiménez e despois a alternancia corrompida de gobernos homologados polas internacionais humanistas democriastiá e socialista de orientación CIA. Ou sexa, que o estado maior da oligarquía imperial e venezolana cipaya emitiu o decreto: "Mobilsbefehl".

Xa a mobilización total está ordenada. Pero, ai, o exército venezolano hoxe non é o Pinochet onte, e está co goberno de Maduro. É tan rigoroso o poder represivo do pensamento hexemónico que titular unha columna de modo como eu acabo de titular esta significa en España unha transgresión. Demasiado petróleo, gas, ouro, minerais diversos, para que sigan a estar nas mans deses mestizos.