Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Mélenchon sur l'eau

A mellor novela curta que eu teña lido é "Sur l'eau", de Guy de Maupassant. Trata dos medos e visións dun remador ou barqueiro ou "canotier" que finalmente descobre nas lamas fondas da Sena o cadáver dunha vella suicida ou mesmamente asasinada. Jean-Luc Mélenchon navegou polo río da Sena en "peniche", ao tempo que facía propaganda en holograma coma se fose a princesiña da Guerra das Galaxias. Alén de ligar unha nau con Maupassant, Mélenchon exprésase con boa dicción nas nobres novas técnicas que lle están a desfechar o tiro polo culata ao capitalismo da Fin da Historia. "Peniche" é o nome dos barcos grandes da Sena, verba que vén de "pinace" e que dá lugar a un topónimo de Lisboa e mais a outro de Vigo.

Eu residín un anaco da vida no Peniche de Vigo e seguín a viaxe propagandística de Mélenchon en peniche polo río da Sena (Sena é feminino coma a Barbaña natal de meu). Tiven un soño: imaxinei un candidato da esquerda real galego portuguesa polo Miño en peniche facendo os mitis ou comicios de Caminha a Goián, de V.N. Cerveira a Valença, de Tui a Monção, de Melgaço a Arbo. Abouxando o mundo e pedindo que non houbese máis raia nin seca nin mollada. Non é o intre oportuno, por moito que o presidente da câmara do Porto tratase de lle explicar a Feixóo a vixencia da eurorrexión. A Unión Europea estoupa, como está previsto, por orde do Vento da Historia. Mélenchon vén, por se se esquece, do lado humano e honrado do socialismo non leninista. Mélenchon é coma Oskar Lafontaine, coma Olof Palme, como Salvador Allende.

Mélenchon é da raza boa e san do profesor Negrín, quen mantivo o Frente Popular contra o franquismo e despachaba con firmeza, e o corazón na mao, con Enrique Lister durante a nosa guerra, durante a Guerra de España. Castelao sempre cadrou a ben con Negrín. Eses son os socialistas auténticos, entre os cales estivo a punto de ser confrade, e case o conseguira, don Enrique Tierno Galván, que terminou na coneta desprazado pola CIA. Nestre intre deséxolle ben a Mélenchon e aos leninistas franceses da miña xeración que foron capaces de manter a raia o eurocomunismo. E vexo Pedro Sánchez rodeado de lubicáns cos chavellos arreitados que son acirrados por monigotes de farda humana para o linchamento. O mellor para Sánchez; e a Mélenchon dámoslle as grazas porque el é realmente o candidato de De Gaulle e de Jean Moulin Que cadáver achará Mélenchon pasado mañá nos pegos da Sena?

Compartir el artículo

stats