Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Agradecementos a quen se queiran dar

Tal e como sempre se dixo, é de persoas ben nacidas ser agradecidas. Así o demostra a chamada Cofradía de la Santa Cruz, creada na Estrada hai tan só tres anos, que nun peculiar artigo publicado o día 19 neste xornal, declara o seu recoñecemento a todas as entidades e persoas que colaboraron con eles na celebración das procesións de Semana Santa.

Nada temos que dicir en canto ao agradecemento a particulares ou negocios que participaron coa súa achega, tampouco sobre os eloxios dedicados ao párroco polo seu apoio, ánimo e consellos; mais, outra cousa ben diferente é o que respecta ao goberno municipal. Non é de estrañar que a Cofradía de la Santa Cruz mostre o seu fondo agradecemento, no artigo ao que nos vimos referindo, ao alcalde José López Campos, nin ao concelleiro de cultura, Juan Manuel Constenla Carbón, nin a todo o seu grupo de goberno, tendo en conta a substanciosa e asombrosa contribución de 10000 euros coa que o noso Concello, é dicir, todos e todas as estradenses, agasallamos esta asociación relixiosa católica, cuxo único mérito, máis que dubidoso, é a celebración dunhas suntuosas procesións, nas que non faltou detalle, desde os pendóns con que o goberno municipal tivo a ben engalanar as rúas, pasando polas carrozas e os encapuchados, até chegar ao extravagante espectáculo das saetas?

Desde logo, a nosa lingua e a nosa cultura non parecen ser asuntos que interesen en absoluto á Cofradía de la Santa Cruz. Non temos máis que observar o seu desprezo polas propias tradicións e a súa pailana imitación de modelos culturais alleos a nós, como é o caso das andaluzas saetas. En canto á consideración pola nosa lingua, abonda con achegármonos a todas e cada unha das publicacións desta entidade: estatutos, solicitudes de inscrición, comentarios na súa páxina de facebook?, para nos decatar do desprezo total polo noso principal sinal de identidade, a lingua galega. Chegamos entón aquí á apoteose do asombro: os agradecementos van tamén dirixidos ao mesmísimo Secretario Xeral de Política Lingüística, aínda que ben é verdade que mesmo descoñecen o nome do cargo que Valentín García desempeña, pois refírense a el como "secretario xeral de Normalización Lingüística de la Xunta de Galicia". Cal sería a axuda que Valentín García lles ofreceu, como representante institucional, para que os membros da Cofradía de la Santa Cruz lle estean tan agradecidos? Que apoio merece da Secretaría Xeral de Política Lingüística unha asociación que non utilizou nunca a nosa lingua? Quizais o cartel coa programación das procesións para a Semana Santa deste ano o pagou a Secretaría Xeral de Política Lingüística? Será por iso polo é o único texto procedente de tal asociación que está redactado en galego? Tendo en conta a situación que está a sufrir a nosa lingua, a perda masiva de falantes entre a mocidade, posiblemente a Secretaría Xeral de Política Lingüística tería moitos outros ámbitos aos que destinar os cartos públicos que xestiona e que poderían contribuír para unha efectiva normalización. Mais, mentres a nosa cultura esmorece, a Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora economicamente cos que se poñen a cantar saetas? Unha vez máis, o mundo ao revés.

Como eu tamén son agradecida, quero expresar a miña gratitude a todas as persoas, asociacións, entidades ou colectivos que traballan en prol da nosa lingua, da nosa cultura, da supervivencia das nosas tradicións e do noso patrimonio, material e inmaterial.

*Veciña da Estrada

Compartir el artículo

stats