Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Salvai os pradairos mansos

Da bacía do Sorga, onde é Celanova, á planura da Limia, ou sexa a Xinzo, vai unha vella estrada na que aínda ecoan as chancas e os cascos dos machos e bos cabalos de abades, tratantes e ambulancia variada. Ao chegar esta leda estrada ao alto do Furriolo, un golpe de historia negra bátenos nos fuciños pois alí o franquismo matou moita xente e aínda deixou corpos para alimento do Lobo. As xentes da vella Celanova e da vella Vilanova dos Infantes ían por esta estrada á feira de Xinzo. Eu aínda os vexo, moi tenues porque, persoas, gado, mercadorías, carros, autos e bestas, xa só son acordanzas que levitan. Ao chegarmos a certo punto, a estrada estarrica. Para un montañés da raia aquilo é coma un milagre. Trátase da primeira recta auténtica que moitos vimos na nosa vida nunha estrada. Chamámoslle a Lengüiza, por a recta ter xeito dun chourizo de carne ben delonga -"Un home, na outra punta da Lengüiza, vese coma un pardau"- díxome o Caravel, mestre zapateiro, un día de feira en Xinzo. O viaxeiro que ía pola vella estrada cara a feira de Xinzo abría moito os ollos para lle neles entrar a lámina, retrincada e locente ao sol invernizo da Lagoa de Antela ou Lago Beón.

Aquel prodixio do mundo foi desecado pola man do economicismo elemental. Un dos grandes crimes naturalísticos de Galicia foi a consunción inducida da Lagoa de Antela, naquela Limia propiamente dita cuxa forma comparaba Otero Pedrayo cun trevo. O trevo, o trifolio, é o motivo galaico prerromano que sobreviviu na Idade Media, como querendo eternizar o Confín dos Verdes Castros. Despois a Lagoa de Antela transformouse nunha chaira na cal a vasta lámina de auga se fixo presenza ideal que non se dá ido das memorias e dos contos. E ben, unha vez que a estrada de Celanova chega a Xinzo, esta vila limiá mandaba, e manda, recibir os viaxeiros que chegamos procedentes do Furriolo, procedentes da bacía do Sorga cunha belísima formación de plátanos ou pradairos mansos, se cadra tan vellos coma a estrada que moitas veces calcamos e corremos. Os belos plátanos, a unha e outra banda da estrada, constitúense en columna de honor que nos dá a benvinda á vila de Xinzo. Son árbores idosas que os que mandan agora queren cortar, ao cal a civilidade de Xinzo, entre a que se encontra o escritor Antón Riveiro Coello, se opón.

Despois da desecación da Antela, velaí a corta dos plátanos da estrada que une Xinzo con Celanova, e que aínda se prolonga até a Caniza. Xa que non podemos recuperar Antela, salvemos estes pradairos mansos.

Compartir el artículo

stats