Rouba vidas. Bastan uns fatídicos segundos para que mostre o seu rostro indesexable e nos faga unha das súas, das que te deixan de xeo; o revés máis cruel. Paralizados pola inxustiza, sobrevivimos na indignación, no estupor. E cae a balanza cara un lado evidente, nesa relación de amor-odio que mantemos co mar. El mesmo se encarga de lembrarnos o efémero da existencia: "como se a morte viñese cada nove ondas", escribía Paco. Ala, asimilen isto!

Partiron tres homes bos na recta final de marzo, en cuestión de horas. Visto e non visto. Paco Souto (54 anos), Mateo González (35) e David Patiño (35).

A Costa da Morte quixo facer gala, unha vez máis, da súa esencia. É experta, cando quere. Zas! Tocoulle a Paco Souto, malpicán de adopción (natural de Oseiro-Arteixo). Percebeiro, poeta, activista cultural, pai, amigo... loitador. O Paco das longas conversas no Cornecho, dos versos honestos sobre mar, amor e morte. Que tanto defendía no concello melloras para o colexio como montaba unha 'performance' para canalizar a súa sensibilidade artística. O Paco de voz cálida ao recitar, disposto a axudar.

O primeiro en prestarse a participar nun documental sobre o seu oficio, en ceder a súa casa para durmir, en acoller, xunto á súa dona, un neno para pasar unha tempada cos seus dous pequenos. Altruísta, solidario. Especialista en mostrar o seu riso xeneroso, en desprender 'bo rollo' e enerxía positiva e en dar consello sempre que un o precisaba: "arrepíntete do que non fas, pero non do que fas".

O Paco que repasaba toda a prensa ao vir da marea, tranquilo, co seu libro no mostrador, e un mencía, pensando no seu próximo proxecto. "Por qué lle gusta ser percebeiro?", preguntábanlle nun dos numerosos vídeos nos que participou. "Pola liberdade, pode ser", contestaba. A liberdade que lle daban as pedras nesa loita diaria, a mesma liberdade coa que construíu a súa obra poética.

E só dun ser bondadoso pode saír o xesto de desafiar ao Atlántico, a pesar do perigo, para alertar a unha persoa descoñecida dos riscos do mar batendo forte. Ocorreu nas piscinas naturais de Santiago do Teide, en Tenerife. David Patiño (natural de Placeres-Pontevedra), en presenza da súa moza, quixo axudar. E tampouco el puido escapar do perigo que percibiu, no seu acto de heroe.

A mesma enerxía positiva proxectaba o actor eumés Mateo González, polo que expresaron centos de familiares e amigos, compañeiros do gremio, nas redes sociais (só dunha persoa que une aos demais pode vir unha despedida lembrando as experiencias divertidas). Nun inexplicable momento de mala sorte, o mar tamén o reclamou: as augas calmas da Marina, que nos últimos tempos se empeñan en mostrar un miserable 'atrezo' de traxedia.

Tres homes que crían nun mundo mellor. Unha semana despois de obrigarnos cruelmente a resetear, as ondas seguen no seu sitio.

Na "postiña" de Souto, versos que se volveron cruzada do destino: "como se a morte viñese cada nove ondas". Percebeiros, contade ben!. E á oitava mirade, máis que nunca, de fronte. Porque ao mar "non se lle pode dar as costas" (sic).