Coñecín a José Luís Sucasas nunha madrugada. El viña dunha cea de traballo e eu, pechada a porta da redacción, perdérame por culpa desas confusas rúas con nome de letra. Daquela primeira vez o principal recordo é rir a esgalla. Aínda levaba poucos meses perseguindo novas pola comarca de Deza.

- Ten coidado, cando se pasa moito tempo en Lalín a un acaba saíndolle rabo!

Cando deixei as terras lalinenses e o FARO DE VIGO para principiar a aventura de Vieiros os nosos camiños volvéronse cruzar. Rafael Cuíña, que daquela comezara a colaborar no diario dixital, falounos marabillas dun tipo de Cadrón. Poucas semanas despois chegaba o seu primeiro texto. Non tardou en demostrarnos que era un analista extraordinario. Tiña unha sorprendente capacidade para radiografar a realidade partindo das anécdotas máis cotiáns. Debuxaba con enormes doses de humor e vontade de estilo a actualidade política, económica e social. Como persoa era imposible non querelo. Entraba tímido na redacción, como se tivese medo de molestar. Practicaba o antiheroismo e non había que tratalo demasiado para ver que era unha boa persoa. Gustáballe ver o mundo cunha alegría de neno traveso e como tipo honesto que era, sabía que a primeira regra era non tomarse demasiado en serio a un mesmo. A comarca de Deza, e Lalín en particular, ten a obriga de poñer en valor a obra literaria e xornalística dun autor que, en boa parte pola súa modestia extrema, non foi suficientemente recoñecido en vida. Hai que dicilo alto e claro: José Luís Sucasas foi un dos mellores articulistas galegos do seu tempo. Polo demais, só quero pechar co título dun dos seus últimos artigos en Vieiros: "Hai días que mellor sería non abrilos". Ata sempre, amigo!

*Xornalista e escritor