Escribir unhas palabras sobre alguén que era un virtuoso da escrita resulta unha tarefa moi grande para a miña persoa, mais o que me move non é un xesto de atrevida inconsciencia, senón un tributo a un bo amigo. A túa ausencia fai que este mundo sexa peor, porque contigo pérdese a alguén que lle dá todo o sentido ás palabras do noso himno cando fala de bos e xenerosos. Sempre fuches alguén que o guiou un sorriso, un bo xesto, un militante nacionalista exemplar que deixa un legado imborrable para todos e todas. Sei que quererías que te destacara pola túa faceta de escritor, esa virtude que dominabas como poucos, e que che facía ser feliz, coa que te afastabas das miserias e dos duros golpes da vida, e coa que moitos nos sentimos afortunados ao ter o privilexio de estar perto de ti: esa arma cargada de futuro e compromiso con este país.

Claro que non eras un home de verbo fluído en público, como dirías ti, para que? A túa verdadeira arma para transformar esta sociedade, era o que precisamente che fallou, o corazón, supoño que de tanto usalo esgotóuseche moito antes. Un corazón que facía que foras un gran pai e un gran compañeiro, as miñas máis sinceras apertas e forzas para Chiruca, Cibrán e Helena e tamén para os seus pais, irmáns e demais familia.

A min só me queda darche as grazas por ter o privilexio de ser o teu amigo no termo máis riguroso da súa acepción. Polo teu afecto, polos teus valores, pola túa xenerosidade, coa túa partida non só perdo todo isto senón que perdo unha parte de min que ten por seguro que nunca esquecerei.

*Amigo e portavoz municipal do BNG de Lalín.