Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Vigo contra Morillo

Tradicionalmente, na festa viguesa da Reconquista fálase ben do militar leonés Pablo Morillo, quen está inmortalizado no monumento ambulante que foi da Pedra á Praza hoxe dos Cabalos e, de alí, á de Zamora que mudou o seu nome a Independencia. Vigo é así de mutante. En realidade os que queremos a Vigo non estamos en débeda con Pablo Morillo. Menos lle deben os viguistas exaltados, entre os que non me encontro, que pretenden facer de Vigo unha provincia. Estes non lembran que na primeira división territorial española, de carácter centralista, que foi a promulgada polo bon rei Xosé Bonaparte, Vigo era capital de prefectura, ou sexa de provincia. Morillo, e os frades, cregos, fidalgos e axentes de Wellington que incitaron o pobo contra o bonapartismo, frustraron a cidade de Vigo como capital de provincia.

Logo de facer carnicerías en América, e de ser ben mallado por Simón Bolívar, Morillo, xa marqués de la Puerta, pola fazaña da porta viguesa da Gamboa, púxose ás ordes dos franceses. Dos franceses absolutistas do exército dos Cen Mil Fillos de San Luís, de Wert e do duque de Angulema. Na Coruña, os liberais, ao mando de don Pedro Méndez Vigo, resistiron o feroz bombardeo e o asedio durante cuarenta heroicos días; logo foron derrotados e pasaron con honor á Historia.

Entre os franceses absolutistas estaba o felón Morillo. Este xeneral volveu a Vigo, e aínda librou unha segunda batalla de Ponte Sampaio na que, esta vez, combateu co exército francés contra os galegos liberais que resultaron vencidos. En Vigo, Pablo Morillo e os seus vistosos franceses absolutistas, entraron, non sei se pola Porta da Gamboa, e foron moi ben recibidos en Vigo polos reaccionarios, mentres o elemento liberal se metía baixo as pedras.

E ben, durante o período liberal (1820-1823) Vigo, polo seu espírito e dinamismo, fora instituído como capital de provincia. Unha vez que Pablo Morillo entrou nesta cidade na que escribo, e a incorporou ao réxime oprobioso a capitalidade trasladouse a Pontevedra, onde aínda segue. Entendo, pois, que algún sector de Pontevedra afague a memoria de Morillo no monumento da súa Alameda. Non entendo, non, por qué os viguistas exaltados persisten en louvar a figura de Pablo Morillo.

Coa entrada de Morillo en Vigo o 4 de agosto de 1823, termina para esta cidade, como escribe X.M. Álvarez Blázquez, "a fugaz experiencia de capital de provincia durante o trienio liberal". Unha rúa viguesa segue a ostentar, en mármore, o nome do xeneral felón.

Compartir el artículo

stats