Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O enigmático gravado románico

Esta figura composta por unha ou dúas circunferencias unidas por unha flor de catro pétalos, con connotacións claramente ancestrais, que se entrelazan a modo de cruz pode verse en catro igrexas de Silleda, noutras de Galicia, pero tamén hai exemplos en Segovia e mesmo en Francia

O Concello de Silleda tén trinta e tres freguesías, cadansúa coa igrexa principal única, caso da vila capitalina, anque antes existiu a capela de San Ramón no Foxo de Deza, ou con varias, como ocorre na parroquia de Cortegada, con catro, a saber, a de Santa María en Cardigonde, Sta. Lucía en Framiñán, San Brais en Os Chaos e a dos Aflixidos en Camporrapado. Pois ben, unha ducia delas son de estilo básicamente románico, con modificacións posteriores, anque conservan infinidade de detalles da forma construtiva orixinal.

Este rosario de monumentos medievais témolo presente na coñecida Ruta do Románico, que o Concello sinalizou e promocionou (www.turismosilleda.es) para maior coñecemento dos veciños e visitantes, sendo destacables na arquitectura relixiosa con trazas do S. XII as igrexas de Abades, Ansemil, Breixa, O Castro, Cortegada, Dornelas, Escuadro, Manduas, Negreiros, Oleiros, Taboada e, como non podía ser menos, o Mosteiro de Carboeiro, declarado Ben de Interese Cultural no ano 1931.

E, se de trazas se trata, sempre hai elementos que ao longo dos séculos permaneceron intocables e que teñen unhas características que os fan signos inequívocos do estilo. Non teñen dúbida as portadas de certas fachadas, as ábsidas que fornecen os presbiterios cos seus capiteis únicos, os canzorros das cornisas, os agnus dei e algúns gravados que se repiten nos diferentes monumentos, tanto en Trasdeza, como noutros lugares, ben distintos e distantes.

A climatoloxía benigna da comarca convídanos a saír da casa para ver e gozar da monumentalidade de Trasdeza a partir dos seus detalles. Cada vez que se faga unha visita turística ou o Roteiro do Románico, teremos a excusa perfecta para reparar nos pormenores de cada etapa.

O gravado

Nesta ocasión tráese a estas liñas un símbolo que, ben por estar oculto, ben por aparecer mesturado con outros, preferentemente rosáceas da Idade Media, pasa desapercibido a menos que se repare nel, como é o caso. Trátase dunha figura composta por unha ou dúas circunferencias concéntricas unidas por unha flor de catro pétalos que se entrelazan dando como resultado a figuración dunha cruz cristiana.

Como se pode observar nas ilustracións que se mostran, aparece sempre en igrexas construídas no S. XII en diferentes lugares, a modo de exemplo: En Francia, no arco da igrexa de San Justo de Segovia, na igrexa templaria de San Salvador en Pazos de Arenteiro, no tímpano da fachada románica de San Xoan de Santeles na Estrada ou na ventá posterior da igrexa de Codeseda do mesmo municipio.

No Concello de Silleda temos diversos exemplos en catro igrexas románicas de clara factura medieval. O deseño responde ao mesmo criterio, é dicir, unha ou dúas circunferencias concéntricas de tamaño semellante enlazadas por varios pétalos ou catro semicircunferencias que crean finalmente unha figura semellante a unha cruz.

Poderemos ver estes gravados dunha soa circunferencia nas ábsidas exteriores das igrexas de O Castro e Fiestras, como metopas situadas nas paredes orientadas ao sur. Nestes dous casos aparecen no friso que soporta a cornisa do tellado compartindo canzorros e outras figuras rosáceas da época. Ámbolos dous foron tallados polos nosos canteiros cunha maestría incuestionable no S. XII e cumpren humildemente un papel puramente estético formando parte do conxunto.

Sen embargo, hai que destacar os outros dous gravados situados nas igrexas de Escuadro e do Mosteiro de Carboeiro. O de Escuadro tén unha situación de preferencia, no tímpano da portada principal de fachada, construída sobre o ano 1170. Un tímpano reservado á figura do Salvador. Pola contra, o diagrama de Carboeiro na súa soidade de cripta, irradia e transmite unha forza que non se pode explicar.

O diagrama ou gravado está sobrevalorado na igrexa de Escuadro. Aparece situado nun punto estratéxico. Na entrada principal. Xusto como figura central do tímpano, roubándolle o protagonismo a outros personaxes, que noutros é coto reservado para a figura de Cristo e dos evanxelistas, como pasa na porta principal de acceso á igrexa abacial de Carboeiro.

O tímpano, coas súas arquivoltas estreladas, representa a porta do ceo, o firmamento. Está integrado polo diagrama do cosmos. Segundo algunhas teorías, a figura central, o símbolo, remítenos á terra dividida en catro partes, que representarían as catro estacións do ano, formando unha cruz final, flanqueada por dúas flores ou estrelas. Todo baixo o firmamento que se configura nas alegorías das flores pechadas, ou bolas, que ao fin e ao cabo non deixan de ser máis estrelas do cosmos.

Ao final, estamos ante unha presentación románica con annus, hommen e a terra. Vese pois a influencia dos literati propia do feudalismo, onde imperaba o poder dos monxes, por riba dos iliterati, que representaban a cultura popular frente á cultura dos instruídos.

O enigma de Carboeiro

Se ben o Mosteiro foi inaugurado no ano 936, a construción da igrexa hai que datala cara o S. XII, como así o testifican as distintas epigrafías marcadas en distintas partes da igrexa. O símbolo que estamos estudiando non aparece mostrado en ningunha parte que se poida apreciar comodamente, a simple vista. Non se ofrece como metopas das ábsidas da cabeceira, nin decorando os frisos, coma no caso de O Castro e Fiestras, e tampouco se nos presenta nun lugar de preferencia no tímpano da fachada do poñente, coma en Escuadro. Pola contra, déixalle o protagonismo, como é habitual nas igrexas románicas, ás figuras de Cristo e os evanxelistas.

Pero si existe! No único lugar recollido da igrexa. Na base e soporte do presbiterio. Como gravado singular e que só se pode ver con algunha lanterna, pois as ventás seteiras non o iluminan suficientemente. Na cripta, xusto na base dun dos arcos baixando por las escaleira situada na dereita do deambulatorio. Tal e como reza a inscrición existente no exterior da base: ERA MCCVIIII K(A) L(ENDAS) IVN(IA)S, indica que esta parte do edificio, a máis antiga da igrexa, foi construída cara o 1 de xuño de 1171.

Desta época son os restos románicos de case que todas as igrexas nomeadas ao principio deste artigo: O Castro, Fiestras, Dornelas, Escuadro... Nelas, os nosos canteiros analfabetos facían aqueles gravados que mellor sabían traballar, coa mestría dun oficio moi ben aprendido. O deseño xeométrico roza a perfección das formas. O mesmo entrelazado abrazando os dous círculos concéntricos, pero dobrando en tamaño a calquera outras das descritas, encadrado nun marco lobulado que lle dá máis importancia.

Cal será a interpretación? Por que escondido, illado e lonxe de calquera obstentación de poderío e grandeza? En todos os demais monumentos, de Francia, Segovia, Terra de Montes, Trasdeza, etc. ofrécese ao público querendo transmitir unha mensaxe indescifrable. Pero, por que o encargado da Abadía quixo que ese símbolo se ocultase dunha maneira tan intencionada e que sentido tén? Velaí o enigma. Non existe outro dese calibre en todo o Mosteiro.

Particularmente, participo da corrente de opinión que di que ese motivo escultórico é unha combinación estilizada da cruz coa flor de catro pétalos, moitas veces sinxelos na súa creación e outras con resultados moi elaborados, elegantes e estéticos. Non me cabe dúbida que esas creacións xunguen tradicións ancestrais, prehistóricas e celtas co símbolo cristiano por excelencia, a cruz, máis, se cabe, cando se representan en arquitecturas relixiosas e ordenadas polos poderes dos cenobios da época. Así pasa cos trisqueles, esvásticas, rosáceas, labirintos, circulares e todo tipo de símbolos nacidos xa nos nosos petróglifos ou na inspiración romana e sueva, que a evolución foi trasladando desde as rochas salvaxes do megalitismo ás pedras e perpiaños traballados de calquera igrexa do medievo. En calquera caso, estou convencido de que só a través do coñecemento poderemos preservar estes valores artísticos que a ignorancia acabaría por menosprezar e destruír.

É tempo de gozar a monumentalidade de Tradeza.

Compartir el artículo

stats