Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Catálogo de citas perigosas

Toda vez que con (moi) relativa frecuencia inicio estas liñas semanais (ou fago mención logo, no seu trascurso) con algunha delas, velaí que me suxire X.L. Méndez Ferrín -quen, como todos os, sempre moi amables, lectores coñecen ben, escribe puntualmente aquí ao lado, na porta situada máis á esquerda- que lles comente a Vdes. arredor das sentenzas célebres e mais dos responsables das mesmas. Trátase, desde logo e malia a aparente inocencia do caso, dunha tarefa non exenta de riscos e de perigos: así, sen ir máis lonxe, durante a primeira xeira da restauración democrática, houbo un momento no cal os líderes das diferentes forzas políticas presentes no Congreso de Deputados -Adolfo Suárez, Felipe González, Manuel Fraga Iribarne, Santiago Carrillo...- foron acudir con certa asiduidade, e no decorrer dos debates, a tales referencias e epígrafes famosos, circunstancia que determinou que o líder nacionalista vasco, Xabier Arzálluz, chegase a preguntarse se aquilo viña ser realmente o Parlamento español ou apenas unha casa de citas.

Pola parte que me toca, debo consignar aquí e agora que tamén fun eu vítima nalgunha oportunidade desa tendencia ao exceso proverbial. Hai xa cousa de trinta anos - tempus fugit!-, e con motivo de resultar vencedor nun certame literario, fun entrevistado na tv. Mais antes de que o inquérito se producise diante das cámaras, tiven que agardar, non obstante, máis de dúas horas por causa de non sei qué imprevisto: "Cousas do directo", explicáronme. Loxicamente, "matei" aquela espera como boamente souben e puiden; en calquera caso, o certo é que cando a moi amable presentadora veu insistir respecto do meu estado anímico despois de gañar o mentado concurso, nun acceso de optimismo, espeteille o seguinte: "Pois estou moi contento; tal e como dixo Shakespeare, a ninguén lle amarga un doce." E para rematar a "faena", engadín: "Aínda que non sabemos se a frase é apócrifa." Lembro ben que, o infelizmente desaparecido, Ramiro Fonte non me quería perdoar en ningún caso semellante desatino; na súa estima, e levaba razón, eu mesmo me puxera en absoluto descreto con aquela imprudencia verbal. Moito máis condescendente, a súa muller -a sempre benquerida Elsa- foi matizar, afortunadamente para min, o dislate: "A ver, home, que non é para tanto; de certo que D. William dixo tal cousa, ou parecida, nalgunha ocasión."

En fin, vaia no meu descargo que xentes con moito, pero moitísimo máis relevo que este modesto cronista, tampouco se caracterizaron/caracterizan pola súa precisión no tocante á concreción de fórmulas asertivas. " La France a perdu une bataille! Mais la France n'a pas perdu la guerre!" Sen dúbida, todos Vdes. coñecen o chamamento efectuado polo xeneral Charles de Gaulle en 1940, despois da desfeita dos seus diante da (supostamente) invencible Wehrmacht; quen fora presidente de Francia, teimou decote en que el mesmo pronunciara tales palabras no discurso efectuado perante os micrófonos da BBC, o 18 de xuño dese ano. A cruel realidade, porén, vén ser outra: nin o gran militar proclamou aquilo na radio británica nin tampouco as súas palabras concitaron un mínimo auditorio do outro lado do Canal, onde quen máis quen menos, todos andaban a procurar acubillo baixo o capote do mariscal Pétain. Iso si: consciente daquilo que estaba en xogo, De Gaulle si mandou incluír a que se convertería en cita célebre no posterior cartel do 3 de agosto.Como lles ha de explicar convenientemente Estro Montaña no "Faro da Cultura" do próximo xoves, 30, trátase dun dos moitos mitos da Resistencia francesa (de certo, resistencia multinacional) que os gavachos buscan asentar unha e outra vez. " Un ministère de la condition féminine ? Et pourquoi pas un secrétariat d'Etat au Tricot?!" ('Un ministerio da condición feminina? E por que non un secretarioado de Estado do tecido de punto?'): dita frase tamén vén sendo atribuída a D. Charles; vaian investigar os lectores qué opinan diso os herdeiros do xeneral do outro lado dos Pirineos.

" I have nothing to offer but blood and toil, tears and sweat" ('Non teño nada que ofrecer a non ser sangue e fatiga, bágoas e suor'). Xa que estamos coa Segunda Guerra Mundial, velaí as verdadeiras palabras que Winston Churchill declamou na Cámara dos Comúns, o 13 de maio de 1940, no seu inicial discurso como primeiro ministro da Gran Bretaña. É dicir; sir Winston non dixo aquilo de "gañaremos con sangue, suor e bágoas" e, para alén diso, tampouco parece que esteamos diante dunha aportación orixinal; segundo os expertos na cuestión, antes ca el, Giuseppe Garibaldi, Theodore Roosevelt e mais Henry James acuñaron expresións iguais ou moi parecidas. Como pedira Ingrid Bergman, " play it, Sam. Play As time goes by."

Pero fose como fose, e xa postos a escoller, acaso tan ben procurado como o anterior, veña resultar esoutro aserto, así mesmo da autoría do gran político británico. Contan, daquela, que Lady Astor -primeira muller en sentar na Cámara dos Comúns; a representante do Sinn Féin, Constance Markiewicz nunca chegou a ocupar o seu escano tanto pola política abstencionista do seu partido como por estar en prisión cando foi elixida- se dirixiu unha vez a Churchill deste xeito: "Se Vde. fose o meu esposo, botaríalle veleno no té!". Veloz e discreto, retrucoulle aquel: "Señora; se Vde. fose a miña esposa, aínda sabendo tal cousa, bebería ese té sen dubidar sequera un momento."

Compartir el artículo

stats