Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

No Día Mundial da Auga

O Día Mundial da Auga é unha data de reivindicación e denuncia dos consumos e usos irresponsables. Pero, dende a experiencia, creo que Pontevedra ten moito que celebrar hoxe. A calidade da auga, o concepto solidario de distribución, as novas prestacións que nos dará un novo contrato? permítenos dicir que Pontevedra está na dirección correcta, cando menos.

Un camiño que comeza cun produto de primeira calidade. A auga de Pontevedra leva anos recibindo a acreditación alimentaria ISO 22000. A boa saúde do Lérez fai que o proceso de abastecemento sexa sinxelo, e exemplar porque, non é habitual topar en pleno corazón da Rede Natura un sistema de tratamento de auga que conviva con tanta harmonía co medio como en Pontevedra.

Neste Día Mundial da Auga Nacións Unidas quere pór o foco nos desperdicios e no tratamento das augas residuais. O sistema municipal de abastecemento que vén de mellorarse cun investimento de case 40 millóns para ampliar a depuradora, a estación de bombeo, construír varios depósitos en distintos puntos da ría?, defínese pola práctica ausencia de fugas no seu percorrido polo municipio. A rede está diariamente supervisada atallando as perdas en tempo real.

Se en algo leva traballado o Goberno de Pontevedra nestes anos é na depuración das augas residuais, ampliando o saneamento a todo o rural como a conexión de Mourente -a máis recente- na que Concello e a Deputación invisten arredor dun millón, a mesma contía que destinan ao definitivo saneamento do río Gafos.

Outra teima do Goberno é completar a rede separativa de augas pluviais e fecais. Está pendente de separar o 0,45% de toda a rede municipal. É dicir, escasos 2 quilómetros, dos máis de 370 de rede que ten o concello.

Neste momento Pontevedra tópase ante o gran reto da nova contratación da xestión do servizo público de abastecemento e tratamento de augas residuais. É un dos piares que guiará a política ambiental da cidade nos vindeiros lustros.

Ampliar as redes de saneamento ao rural e de abastecemento a área periurbana da cidade; completar a rede separativa; facer un seguimento de todas as fontes? son algunhas das melloras do contrato no que traballa o Concello e das que se poderán beneficiar todos os veciños.

Pero facer unha xestión eficiente dos recursos públicos, como neste caso a auga, tamén é facturar por consumo e con este novo contrato os veciños de Pontevedra só pagarán a auga que consuman.

A historia confírmanos que os pontevedreses xa facemos un uso racional da nosa auga, pero en tal data como hoxe nunca está de máis volver a lembralo. A auga é un ben escaso.

(*) Raimundo González Carballo é o concelleiro responsábel do Ciclo da Auga

Compartir el artículo

stats