Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

O día das mulleres

Vaia por diante, para os meus pacientes e xenerosos lectores, que eu sonlles inimigo natural destas historias, que cada vez máis nos están a meter polos ollos, e máis polo lugar onde as costas perden o seu honesto nome e que normalmente utilizamos para nos sentar e algunha outra cousa que non se di.

E digo que son loitador e combatente total desta trangallada absurda de celebrar o día "D", porque, como dicía un meu profesor de física e química no colexio: "O movemento demóstrase andando" e non, digo eu, con campañas dun día, slogans de marketing inconfesable e confeso, mercadeo e compadreo: Día da Muller, Día do Pai, Día da Nai, día do camaleón que non cambia de cor, día do día da nai que nos pareu, como continuemos por este camiño non imos ter días no ano para conmemorar cousas e imos ter que inventar o ano de 730 días.

Sinceramente, penso que calquera problema ten solución se a buscamos e se se destinan os medios axeitados ao seu amaño. Falar de concienciación da sociedade, de facer demostracións da necesidade de chegar, de acadar un consenso, de que resulta inxusto, de que a apartación ao PIB, de que a brecha salarial, de que a conciliación familiar, de que os dereitos non e os deberes si, e un longo e infinito disque certos, e reais, pero que tan pronto pasa o día vaise como a romaría, é inútil, penso eu e así o digo, malia as reprimendas e broncas que me gaño por parte das miñas, moitas por certo, teño esa sorte, amigas femininas feministas, que digo eu agarimosamente.

Elas insisten na necesidade da loita, das manifestacións, das campañas, eu insisto na necesidade de que os políticos, monicreques de banqueiros e grandes empresas de cuantiosos beneficios das que cotizan no IBEX 35, fagan as leis necesarias con sentido común e tal e como reclama a sociedade, na que por sorte a maioría sonlles mulleres, que curioso, ás que non se lle fai caso, nin contan para nada nos lugares e estamentos con poder para cambiar as cousas, e non é demagoxia: Cantas mulleres ocupan postos de relevancia nos consellos de administración destas empresas? Cantas mulleres temos nos órganos lexislativos do noso país, enténdase, Tribunal Constitucional, Supremo e outros? Cantas mulleres nos órganos decisorios dos partidos políticos e no arco parlamentario, poder executivo do Estado?

Pois iso, pois logo, mentres esta composición non sexa paritaria, ou maioritaria, non imos cambiar, nin haberá igualdade, nin conciliación familiar, nin remataremos coas discriminacións por razón de sexo, aínda que a Constitución recolla todo o contrario, e por moitas campañas e días "D" que argallemos, porque na nosa sociedade os piares de todo son os poderes: Executivo, lexislativo e xudicial, hai anos, a Igrexa e o Exército, pero eses foron outros tempos.

Síntoo, pero todo o que non sexa obrigatorio por lei, para estes señores que teñen a tixola polo mango, non se vai cumprir e moito menos mudar por moito "día D" que celebremos, e precisamente eles non abriron a boca para dicir nin mu, precisamente neste día, nin tampouco nos restantes 364 do ano.

Compartir el artículo

stats