Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

O tímpano de don Moisés

Debemos dar os nosos parabéns ao reitor de Santa María de Vigo

Debemos dar os nosos parabéns ao reitor de Santa María de Vigo, e membro do cabido da catedral Moisés Alonso Valverde polo inmenso servizo prestado á cidade ao conseguir unha copia do tímpano da igrexa anterior. Felicitacións que esta humilde columna extende cordialmente aos artistas pedreiros que executaron a obra (descoñezo os nomes), á Escola de Poio na que traballaron e á Deputación que fixo posíbel todo isto. Non sei en que circunstancias este belo tímpano foi resgatado das gadoupas da barbarie en Vigo e levado, para a súa conservación, á Boa Vila. En todo caso supoño que a benemérita Sociedad Arqueológica fixo posible o salvamento, o cal explica que esta peza continúe ben gardada no actual Museo de Pontevedra.

Como soe recordarnos Javier Ocaña Eiroa, estudoso e sabio en materia de arte románica, Vigo non pode seguir ignorando que unha escultura medieval de moi alto valor e procedente de Vigo se encontra no Museo Arqueológico Nacional de Madrid. Estoume a referir a unha talla en pedra do modelo que chaman "Salvador" cuxa historia permanece oculta. Só sabemos que o tal Salvador foi levado de Vigo a Madrid, onde felizmente parece que coidan del ben.

Os vigueses, e os viguistas, que viron sen mover un músculo da cara como desmontaban o palco da música, roubaban a varanda do Náutico, facían desaparecer a estación do tren e a casa da farmacia de Rubira (digamos para nos entender), entre outras cousas de valor, non coido que se vaian movilizar para traguer a esta cidade unha reproducción, feita tamén na Escola de Pedreiros de Pontevedra, poño por caso, daquela escultura que viaxou alén do Guadarrama. Supoño que os arqueólogos e historiadores non saben onde é que estivo orixinalmente o Salvador de Madrid, pero desde logo non parece que fose no convento de Areal nin na igrexa vella de Santiago de Vigo.

En canto á construcción ou fábrica de Santa María anterior a aquela outra do cal o tímpano de don Moisés é supervivencia, non se pode falar. Hai quen diga que a igrexa anterior á do tímpano revisitado sería de estilo románico, pero iso só son suposicións. En todo caso antes da arte románica existiron diversos modos de construcción ditos prerrománicos. E postos a imaxinar, eu fabulo agora que a igrexa que Martin Codax viu no sagrado de Vigo non tiña fachada e si, no seu interior, un bonito arco triunfal de ferradura.

Compartir el artículo

stats