Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

No retorno de Martín Codax

Certamente, penso ben que todos Vdes. -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais- han de estar ao cabo da feliz novidade, toda vez que as páxinas deste mesmo xornal daban cumprida información verbo dela o pasado sábado, día 4 do mes que habitamos. Velaí, daquela, que, logo dunha, un tanto apurada, singradura, o próximo mes de outubro -e desde esa data deica a marzo de 2018-, todos aqueles que se acheguen (que nos acheguemos) ao Museo do Mar terán a oportunidade de poder contemplar un testemuño verdadeiramente senlleiro na historia da cultura de noso. Desde logo, estou a falar do Pergamiño Vindel, o documento onde se conservan -á par que no Cancioneiro da Biblioteca Nacional e nesoutro da Vaticana; pero, no caso do Vindel, acompañadas de notación musical- as sete cantigas de amigo da autoría de Martín Codax.

Tal e como anotaba na noticia de FARO DE VIGO Sandra Penelas, semella que todo aquilo que rodea o Pergamiño Vindel presente tintes un tanto novelescos ou, se queremos, mesmo cinematográficos. Descuberto, como é ben coñecido, de forma casual en 1914 polo libreiro Pedro Vindel, foi o propio descubridor quen levou a termo unha edición facsimilar en 1915: tratouse dunha tiraxe moi limitada, da que apenas se puxeron á venda dez exemplares. Pois ben; sempre na secuencia novelesca, ao autor das presentas liñas cóubolle a fortuna, a mediados dos anos 80 do pasado século, de ir dar xustamente cun deses raros exemplares na biblioteca -por aquel tempo absolutamente desorganizada- da hoxe Uiversidade Popular de Vigo; foron testemuñas do pequeno achado os bos amigos Xosé Feixó e, infelizmente desaparecido, X.F. Armesto Faginas. Xa en outubro de 2014, e con motivo dos cen anos da aparición do pergamiño, fun amablemente convidado pola Universidade Nova de Lisboa -á canda de especialistas na temática como Stephen Parkinson, Yara Frateschi Vieira, Maria Ana Ramos, C.P. Martínez Pereiro ou Graça Videira Lopes- para participar nun congreso ao respecto. Nesa altura, o meu prezado e admirado amigo, o profesor Manuel Pedro Ferreira -sen dúbida, un dos maiores expertos en Martín Codax e no Vindel- reiterou que, diante daquilo que se veu dando por certo durante décadas -nos anos 80 aínda teimaba en tal opinión o grande estudoso italiano, Giuseppe Tavani- o Vindel non configura ningún "rolo", senón un bifolio de pergamiño, escrito dun só lado (malia que as reproducións constantes amosen as composicións por separado) e que, moi probablemente, formou parte dunha colectánea máis vasta de cantigas antes de ter sido, por desuso, utilizado para a reciclaxe e gañar nova utilidade no escritorio dun encadernador. En fin, aínda ben recentemente, a editorial Moleiro levou ao cabo unha nova edición facsimilar acompañada dun importante volume de estudos no que participan personalidades como Harvey L. Sharrer, Mariña Arbor, Simone Marcerano ou Rip Cohen.

Desde a segunda metade do século XIII pasaron, claro é, moitos e moitos anos. Porén, quedan tamén aínda moitos interrogantes por resolver en relación ao Vindel e, desde logo, arredor do autor das sete composicións que o documento nos transmite: porque, a pesar de todas as especulacións realizadas, a verdade é que nada sabemos de certo acerca de quen foi de veras Martín Codax -asi, "Codax", por máis que veña sendo costume escribirmos "Códax"; de feito, constitúe un hapax: isto é, unha palabra, Codax, que non volveu aparecer en ningún outro lugar na historia do noso idioma- alguén que, en todo caso, parece inscribirse na nómina dos xograres galegos á canda, entre outros, de Meendinho, Johán de Cangas ou Nuno Treez.

As xestións iniciadas, primeiro, pola Asociación Cultural "Pertenza" -moitos parabéns para os seus membros e, singularmente, para o amigo Cipriano Jiménez Casas- e, a seguir, pola Universidade de Vigo -así mesmo, parabéns para ela e parabéns aínda para a Consellería de Cultura- van permitir, xa que logo, que o Pergamiño Vindel veña onde nós. Cabe agardar que todos os vigueses, todos os galegos (e asemade os nossos irmãos da outra beira), saibamos recibilo como se merece.

Foron, e son, moitas as ocasións en que se fala de Vigo como "unha cidade industrial", "unha cidade fabril", "unha urbe comercial" ou "unha cidade empresarial". Naturalmente que si que o é, faltaría máis. Agora ben; non estaría mal tampouco que, ao lado do anterior, algunhas xentes lembrasen igualmente que se trata, que temos a sorte de morar igualmente nunha cidade de cultura. Sen dúbida, fálase de Rianxo, Ourense ou Celanova como vilas e cidades literarias; pois ben, Vigo forma parte, e por dereito propio -e a longa nómina dos Codax, Ángel de Lema, Juan Compañel, Rosalía, Murguía, Manuel Antonio, Eduardo Moreiras, Celso Emilio Ferreiro, Camilo José Cela, Torrente Ballester, X.Mª Álvarez Blázquez, Álvaro Cunqueiro, Mª.C. Krunckenberg, X.L. Méndez Ferrín, Xavier R. Baixeras, X.Mª Álvarez Cáccamo, Manuel Vilanova, Ramiro Fonte, María Xosé Queizán, Román Raña, Manuel Forcadela, Estro Montaña, Fran Alonso, Anxo Angueira, Manuel Bragado, etc, etc dá boa proba- dese escintilante conxunto. Oxalá, pois, que retorno do Pergamiño Vindel, a memoria viva de Martín Codax, poida conformar -debe conformar- unha magnífica oportunidade para que todos os vigueses poidamos ter constancia do valor de dita realidade.

Compartir el artículo

stats