Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mulleres, a revolución pacífica

Hoxe, millóns de mulleres sairán a rúa en todo o mundo para reivindicar, de xeito pacífico, os dereitos que en pleno século XXI sonlle negados. Reuniranse nas rúas e nas prazas de todo o mundo para demandar a representación que nos corresponde por ser máis do cincuenta por cento da poboación mundial. Denunciarán que en España está a perderse o 60% do talento porque as mulleres son o 60% das licenciadas ou egresadas

Sairán as prazas e rúas para denunciar que son maltratadas, violadas e asasinadas polo simple feito de ser mulleres. Reuniranse e diranlle ao mundo que existe unha brecha salarial insostible, que realizamos as mesmas tarefas e traballos que os homes pero que cobramos uns salarios moi inferiores. Sairán e gritarán por todas aquelas que non teñen voz. Por todas as mulleres que sofren ablacións. Por todas as que se atopan nunha terrible rede de trata en todo o mundo.

Sairán e gritarán que non queren ter medo a andar soas polas rúas e prazas cando se fai de noite. Sairán e gritarán que non queren padecer insultos por ser mulleres. Insultos vergonzosos polo simple feito de ser mulleres. Sairán e gritarán que queren un mundo en igualdade onde os homes e as mulleres podan ter un desenvolvemento pleno en igualdade de condicións. Sairán e gritarán que non se pode soportar máis que miles de nenas no mundo sexan obrigadas a casarse con adultos. Sairán e gritarán que por mor da crise a nova pobreza ten rostro de muller. Sairán, gritarán e darán argumentos, cifras e datos que avalarán a verdade do que están a dicir, nunha revolución pacífica que leva séculos demandada polas mulleres.

O século XXI ten que ser o século das mulleres. Ten que ser o século onde esa revolución pacífica permita construír un mundo en igualdade. Onde nos, as mulleres, tiñamos todos os dereitos. Onde estemos representadas no poder coa porcentaxe que nos corresponde. Non pode ser que non cheguemos ao 40 por cento da representación política e que as cifras de representación no poder xudicial sexan ridículas, ou que nas grandes empresas ou na dirección dos sindicatos teñamos escasa presencia.

Sairemos con argumentos e coa forza da palabra: alta, contundente e clara, e dicindo que estamos aquí e que vimos para quedarnos. Sairemos porque demandamos que se produza a revolución máis fermosa: a de construír un mundo mellor, o da igualdade

* Presidenta da Deputación de Pontevedra

Compartir el artículo

stats