Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Recuperemos Bonaval: A Patria Agradecida

Unhas pingas de memoria: no século XIII, San Domingos de Guzmán fundou simultaneamente un convento da súa Orde de Predicadores no outeiro de Bonaval, Compostela, e outro do mesmo xénero na Rue Saint-Jacques de París. Ou sexa que os Dominicos ou Dominicanos tiveron unha casa en Santiago e outra onde comeza o camiño francés a Santiago. Por iso os franceses lles chamaron Jacobins aos frades da Orde de Predicadores: Jacques é Santiago, Jacobus en latín. En 1790, Robespierre e os seus inmortais ocuparon o convento destes Dominicos de París, e así foi que o seu partido resultou coñecido homoristicamente como Club des Jacobins. Os de Robespierre fixeron cos Jacobins Dominicos algo semellante á ocupación dos Agustinos de Compostela por parte do liceo de La Juventud nos anos cincuenta do século XIX.

O caso é que, seguindo a liña política revolucionaria xacobina, o goberno español ordenou a exclaustración, liquidou as ordes relixiosas e desposuiu estas das súas casas mediante Real Orde de 1835. E así foi como o convento de Bonaval se dedicou a diversos usos cívicos (hoxe é Museo do Pobo Galego), a súa horta foi cemiterio público (hoxe parque tamén público) en canto que a vella igrexa de Santa María ficou vouga e desacralizada. Chegados a 1891, asistimos a un fenómeno de elites que mudou nun importante episodio de masas. Distintas forzas culturais e políticas decidiron converter o tempo deserto de Bonaval en Panteón de Galegos Ilustres. Seguramente os iniciadores da idea tiveron como modelo o Panthéon de París, tamén instalado nunha igrexa expropiada polo Estado en cuxo arquitrabe frontal podemos ler isto: LA PATRIE RECONNAISSANTE ou sexa A Patria Agradecida.

A Patria Galega Agradecida trasladou o corpo de Rosalía de Castro de Iria a Bonaval, e ondeou na manifestación a nosa bandeira por primeira vez de xeito oficial. Fóronse acomodando en Bonaval os corpos de Brañas, de Cabanillas e, finalmente, no medio dunha formidábel controversia tamén o de Castelao (e algún outro). Cando xa considerabamos consolidado o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e cando esta esquelética autonomía actual estaba xa vixente, o Arcebispado de Compostela reclamou (avarento) a propiedade da igrexa de Bonaval, e os tribunais de xustiza accederon á pretensión. Todo ocorreu en secreto e o silencio do mundo intelectual e das correntes progresistas, se non foi total, asemellouse moito a un rosmido ou un se laiaren coa boca pequena.

Por parte, isto: a Orde Dominicana nunca reclamara Bonaval e o Arcebispado nunca antes foi propietario e señor da igrexa cuxa sagrazón, en 1230, mencionou Bernal de Bonaval nunha súa bela cántiga. Compre recuperar o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres para o dominio laico e popular. Ou non seremos ninguén.

Compartir el artículo

stats