Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Ouriños contra os xabarís

O Wolf-Urine está sendo sensación. O mexo de lobo traído dos Estados Unidos, embotellado en garrafas da litro, a un prezo duns 30 dólares, é a noticia destes días para espantar aos xabarís das estradas. Grazas a estes ouriños, de potente advertencia química, seica se evitará a súa presenza nas estradas. Trátase de introducir sinais de falsos intrusos de lobo. O marketing do produto vende moi ben. E non é broma, hai experiencias que indican que os ouriños humanos tamén proporcionan efectividade semellante. Ambas de efectos moi limitados para un curto tempo.

Semella que o que menos parece importar son outros condicionantes maiores que ben poden explicar o que está a pasar co xabaril. Pois, sen negar que este tipo de produtos, repelentes e os atraentes con feromonas, aínda que poden funcionar en lugares e situacións moi concretas, por exemplo, na área metropolitana de Barcelona, ou en territorios con carencia de fauna depredadora, noutras non ten sentido recorrer a elas.

Din que en Biscaia é un éxito, para un territorio no que no 2016 só se censaron 3 lobos. En Cantabria foron 12 mandas, basicamente na zona de Picos de Europa, lonxe de onde se acumulan máis accidentes de tráfico. En Galicia, seica o lobo está presente no 94% do territorio, cunha poboación duns 70-90 grupos. Esta cuestión de presenza de lobos, a efectos de valorar este ouriños "falsos", non é irrelevante. Non dubido que a intención sexa boa. Pero a magnitude do problema obriga a non distraernos con estas cuestións. O seu uso para Galicia é como se apagamos lumes con globos de auga, ou regamos as flores nos días de choiva.

A noticia ten de positivo o demostrar que o lobo resulta o mellor aliado na contención do porco bravo. Pero aquí preferimos manter unha persecución durísima sobre a súa poboación.

Co xabaril o que predomina é unha clamorosa falta de xestión, debería facerse conforme a criterios científicos que establezan pautas para poder controlalo. O que impera son medidas a cegas e o abuso dunha, a concesión de miles de batidas. Realízanse á marxe dunha previsión de xestión integral para todo territorio. Sen ter en conta principios de ecoloxía básicos coma a "natalidade compensada": ou de como a natureza é capaz de repor animais nos anos seguintes. Se no 2015 se solicitaron 25 mil, pois para o 2016 foron 35 mil. Isto significa un esforzo de batidas elevadísimo durante todo o ano que sobrepasa as quince mil batidas, algo que se fai insoportable para a nosa fauna do monte. Hai algunhas comarcas nas que o monte os sábados e domingos resulta completamente hostil. E iso a fauna apréndeo. Non é fortuíto o feito (demostrado) de que nas seguintes horas a estas batidas é cando se rexistran máis accidentes deste tipo.

A fauna que sobrevive, que fai? Pois fuxir. A onde? Localiza e aprende onde as molestias son menores. E cales son? As zonas de seguridade de caza. E cales son? Extrarradio de vilas, cidades e aldeas. Tamén as áreas contiguas ás vías de comunicación. E que sucede? O acantonamento de piaras de xabarís nestas áreas máis seguras e na que atopan certa liberación e acougo.

Tamén estas batidas afectan ao lobo, que, sendo unha especie que prefire a tranquilidade do monte, vese desprazado a lugares máis inseguros e vistosos que non son os desexables para a especie, con recursos máis limitados. Así o lobo vese máis e ten que correr máis riscos á hora de buscar novas presas, coma pode ser o acercarse máis aos núcleos rurais para cazar, por exemplo, ovellas ou mesmo cans.

Esta é unha realidade que asombra, pois vemos como un abuso no número de batidas finalmente vólvese contra o noso confort. Por iso que despois non nos debería estrañar ver xabarís e lobos onde antes non os mirabamos, ata nos campus universitarios.

*Biólogo

Compartir el artículo

stats