Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

En Lixboa sobre lo mar

Dado que as noticias de Lisboa soen chegar a Galicia dando un arrodeo por Madrid, onde xeralmente non son ben interpretadas, o mais seguro é que Vostedes non saiban moito dun acontecemento cultural de primeiro orde que nos afecta moito aos que habitamos as marxes destas rías. Graça Videira Lopes, investigadora que coñece até o derrairo segredo da literatura medieval, de aló e de acó, fixo sair á luz en dous volumes, so o título de Cantigas medievais galego-portuguesas, a totalidade das composicións poéticas que se conservan escritas na lingua medieval común, menos case todas as Cántigas de Santa María. Isto constitúe, en palabras da autora, o "corpus integral profano". De xeito que, na compilación, encontrarán as espléndidas composicións satíricas e amatorias de Afonso X o Sabio, pero non a maioría dos seus poemas de propaganda mariana e intención ideolóxica católica marcada porque constitúen un universo literario, ou mesmo unha literatura, diferente por moito que a expresión siga a ser galega ou, se se quer, galegoportuguesa.

Aínda así, Graça Videira Lopes tén a cortesía de incluír como prezadísimo obsequio a edición de tres daquelas Cántigas de Santa María da autoría do Rei Sabio. Como valor acrecentado, a obra incorpora unha sección musical composta de melodías orixinais e contrafacta da cal é resposábel o primeiro musicólogo medievalista portugués, José Pedro Ferreira, quen tivo o gusto de imprimir en primeiro lugar as "Ondas do Mar de Vigo", o cal pódelle servir de moita axuda ás agrupacións corais nosas que aínda non teñen incorporado Martín Codax ao seu repertorio. A obra foi editada pola Biblioteca Nacional de Portugal, Instituto de Estudos Medievais e Centro de Estudos de Sociología e Estética Musical. A presentación tivo lugar na citada Biblioteca Nacional e o encargado do lanzamento académico foi o novelista, historiador da literatura e director do "Faro da Cultura" Xosé Ramón Pena. Colaboraron na presentación da obra magna de Graça Videira Lopes o ministro de Cultura do Goberno da República, e importante home de letras, Luis Filipe Castro Mendes e as máis altas autoridades culturais de Portugal. Dicíalles que, con moita frecuencia, as noticias non corren fluidamente entre Portugal e Galicia, e moito menos ao revés. A presente nota trata de ilustrar esta carencia. Certamente, días atrás as cántigas de Joan Zorro soaron acompasadas ás de Martín Codax. Ben.

Compartir el artículo

stats