Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O espolio e a ruína do mosteiro de Carboeiro (e III)

Retablos, imaxes e obxectos piadosos que pertenceron á igrexa monacal foron trasladados aos templos de Saídres, Ponte e Manduas, no mesmo muncipio de Silleda, e outros foron parar a San Paio de Antealtares (Santiago) ou a museos e coleccións de particulares

Logo de poñer de manifesto nos artigos anteriores o paradoiro de numerosos elementos construtivos e decorativos roubados ou espoliados do Mosteiro de Carboeiro, imos dar conta agora da localización dos retablos, imaxes e obxectos piadosos que pertenceron á igrexa monacal. Coa axuda dos nosos informantes e colaboradores e logo de consultar diversas publicacións puidemos saber do traslado de obxectos de culto para o mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares, do que dependía o cenobio dezao, logo da exclaustración, para as igrexas de Saídres, Ponte ou Manduas, no mesmo municipio de Silleda, e para coleccións e museos particulares logo da exclaustración e da coñecida coma desamortización de Mendizábal.

Á igrexa parroquial de Saídres foi parar unha fermosa imaxe gótica policromada da Nosa Señora de Belén co Neno datada no século XIII. Desta imaxe sedente de máis dun metro de altura, que en tempos foi patrona da abadía, ofrecemos unha foto xentileza do noso irmán e colaborador Xesús González Alén. Tamén foron para Saídres un retablo e alomenos outras catro imaxes de San Xoán Evanxelista, San Lourenzo, San Bernardo e San Benito Abade logo da exclaustración. Daquela encargouse o crego desta parroquia de poñelas a bo recaudo logo de que se produciran varios roubos na igrexa monacal e mesmo sufrira un incendio, suponse que intencionado, para destruír a documentación relativa a foros e propiedades do mosteiro, no que arderan mobles, obxectos e prendas sagradas, segundo deixou referido o cronista Armando Vázquez na súa obra sobre Carboeiro xa citada nos artigos anteriores.

Á parroquia de Ponte chegaron dous retablos pertencentes á igrexa monacal entre 1846 e 1850, segundo libro de fábrica que consultou o noso colaborador Diego Frade Amil. Un deles instalouse na igrexa parroquial e outro na desaparecida capela dos Remedios.

Un pequeno retablo barroco da igrexa do mosteiro de Carboeiro seica foi parar á parroquial de Manduas, onde puidemos ollalo recentemente nunha capela lateral. O párroco e investigador Xosé Espiño Mato sinalounos que descoñecía a procedencia diste retablo, non así o do altar maior, de espléndida factura, que xa existía na igrexa románica.

Para o mosteiro de San Paio de Antealtares foi unha fermosa cruz chapada en ouro, verdadeira obra mestra da ourivería románica, datada no século XII que agora se garda no Museo da Catedral de Santiago, sendo coñecida como a "Cruz de Carboeiro". Tamén foron ao mosteiro compostelán un cáliz románico e un relicario do mesmo século que forman parte do "Tesouro da Catedral de Santiago". Na procura desta xoia da que ofrecemos unha foto cedida polo amigo Armando Vázquez, contamos coa axuda do noso colaborador Álex Negreira.

Malia que os verdadeiros tesouros foron levados para Compostela, os espoliadores, facendo caso de mil lendas e contos que se teceron arredor do mosteiro, remexeron paredes, sepulcros e enlousados na procura de obxectos de valor. No tempo das minas de Fontao mesmo se empregaron cartuchos de dinamita para erguer as laudas das tumbas da cripta, segundo deixou referido o investigador Hipolito de Sá.

O camiño da restauración

A partir do ano 1969 o Mosteiro de Carboeiro foi obxecto de numerosas obras de restauración en diversas fases. A finais dos setenta crease a Asociación de Amigos de Carboeiro para conquerir a recuperación do cenobio benedicitiño. En 1989 mércase a casa prioral e case tres hectáreas de terreo arredor da igrexa monacal que xa era propiedade secular do Bispado. Tamén se restauran a ponte, o muíño e o pombal que pertenceran a Carboeiro. Unha escola-taller traballou na restauración do mosteiro nos anos noventa que xa no século actual comezou a funcionar coma museo e foco de divulgación cultural e medioambiental da comarca de Deza.

Na actualidade, o Concello de Silleda vén reclamando da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia a execución das obras de mantemento precisas para que este monumento e o seu entorno garantan o seu futuro. Aquí entran en xogo os intereses políticos que ás veces enfrontan e mesmo se aproveitan con fins partidistas, pero Carboeiro deberá estar ao marxe e por riba de todo, polo que supoñemos un pronto entendemento e colaboración para afrontar as obras precisas.

Compartir el artículo

stats