Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Etnoarqueoloxía dende a cidade das Burgas

A Arqueoloxía, como saben, é a disciplina científica que nos permite reconstruir o pasado estudiando os vestixios materiais que se conservan. Necesariamente lles ofrecemos unha definición moi ampla, moi aberta, porque necesita de todos os métodos, técnicas, recursos e estratexias que poidan contribuir a conseguir a finalidade que persegue: a reconstucción teorica de sociedades xa desaparecidas.

Máis unha cousa son os métodos, baseados sobre todo nos restos materiais que se preservaron, que na súa maioría son obxectos elaborados polos nosos antepasados -artefactos-, manipulados ou consumidos por eles. Outra, sen embargo, é a finalidade, a reconstrucción que antes referiamos.

Cando falamos de arqueólogos, estou seguro de que o primeiro que lles ven á cabeza son uns profesionais facendo escavacións arqueolóxicas, desenterrando vestixios, ou ben buscandoos en concienzudas propeccións en diferentes lugares e escenarios xeográfcos. No feito de desenterrar os vestixios ou de detectalos na superficie radica a principal diferenza entre as escavacións e as prospeccións. As primeiras consisten en remover o subsolo para descubrir e investigar os restos históricos e os ambientes relacionados con eles que se ocultan baixo a terra. Dito doutro modo, trátase de exhumar as evidencias do pasado atendendo aos contextos dos que forman parte: as relación con restos de edificacións, con outros obxectos ou coas distintas capas de terra, que habitualmente denominamos estratos.

A prospección podémola entender como a técnica arqueolóxica de exploración visual do terreo, sen escavar, buscando vestixios conservados que afloran á superficie para poder documentalos. Legalmente non se pode remover terra no decurso das prospeccións. Tan só recoller as pezas arqueolóxicas soltas, debuxar e fotografiar o que atopemos.

Non obstante, para cumplir os obxectivos últimos de reconstrucción de vidas pasadas, necesitamos buscar información con outros métodos que nos podan axudar nesa difícil tarea. Non podemos quedar no único estudo dos obxectos e das edificacións se non que ademais, e a través deles, buscaremos no posible os comportamentos e as estructuras sociais das sociedades xa desaparecidas nos que eses restos se crearon ou foron utilizados. Todos sabemos que dende o punto de vista científico, un obxecto non ten vida propia, tanto agora como hai séculos. Non é independente dos materiais e das técnicas de fabricación necesarias para obtelo, nin dos usos e significados que lle foron encomendados. Ainda que utilicemos un exemplo moi actual, vexan se non toda a carga deportiva, económica ou afectiva que habitualmente rodea a un simple balón de fútbol, o que este obxecto agacha detrás dunha forma tan simple.

Por iso é tan estreita a relación entre a Arqueoloxía e a Antropoloxía, sobre todo porque permite compaxinar o "tratado dos obxectos" do primeira coa "análise das accións humanas" da segunda. De feito, non poucas veces os arqueólogos definímonos como "antropólogos das sociedades pasadas". Pero, máis que Antropoloxía, nós preferimos agora utilizar o termo Etnoloxía que, segundo uns autores, aparece por primeira vez en 1771 nunha obra de August Ludwig Schlozer ou, en 1787 segundo outros, nun ensaio de Alexandre César de Chavannes.

Optamos por este concepto porque a Etnoloxía ten como finalidade, segundo Thomas Barfield, "...desenvolver explicacións rigorosas e con base científica dos fenómenos culturais, comparando e contrastando moitas culturas humanas".

Deste xeito, mentres que a Arqueoloxía percorre un camiño que comeza nos obxectos para, a partir deles deducir o comportamento, a Etnoarqueoloxía fai o percorrido á inversa, é dicir, dende o comportamento aos obxectos. Estudia esta última a vida cotiá de sociedades actuais -polo tanto vivas e observables- para entender como fabrican, usan ou se desfán das ferramentas e outros útiles. Iso permite entender como se forman os depósitos arqueolóxicos.

Realmente o Etnoarqueólogo está a estudiar as formas de actuar, os modos de vida nos que se insire a producción dos obxectos. Dito doutra forma, investigan os comportamentos que xeneran a "materialidade". Unha actividade económica concreta, igual que outra de distinto tipo, sempre vai producir unhas ferramentas aptas ou específicas para desenvolverse. Tamén un ritual habitualmente vai necesitar duns útiles precisos. Deste xeito o método do etnoarqueólogo é, sen dúbida, moi semellante ao do arqueólogo, pero facendo o camiño inverso, porque está a utilizar intrepretacións que están a cabalo entre o presente e o pasado, porque utiliza métodos arqueolóxicos en socidades actuais e técnicas etnográficas para comprender sistemas socioculturais desaparecidos.

Un traballo deste tipo que podemos incluir entre os clásicos é "Nunamiut Ethnoarchaeology", do ano 1978, froito da investigación levada a cabo polo arqueólogo e prehistoriador Lewis R. Binford. Os Nunamiut son unha tribo de inuits -nome máis políticamente correcto que esquimais- do interior de Alaska, xentes nas que Binford vía grandes semellanzas cos grupos do Paleolítico que viviron durante a última glaciación würmiense en zonas de Francia, que afectou a gran parte do continente europeo entre hai, aproximadamente, 85.000 e 10.000 anos.

Na actualidade aínda existen sociedades con formas de vida semellantes ás da Prehistoria. Iso non implica que sexan exactamente prehistóricos actuais, dado que a incidencia global da sociedade occidental no planeta está a influir nelas cunha intensidade crecente, polo que non viven nunha situación totalmente allea á civilización histórica actual, sendo difícil atopar, mesmo concebir, cazadores-recolectores de hoxe que se comporten como restos fosilizados do pasado, vivindo á marxe da realidade dos nosos tempos.

Aínda así, gran parte dos estudios tiveron como protagonistas a "primitivos actuais" que habitan por distintas zonas do planeta nesta Idade Contemporánea que nos tocou vivir. Máis, a investigación actual prefire referirse a eles como sociedades sen escritura, aínda que os métodos tamén son válidos para achegarnos ás sociedades preindustrias. Entre outros pobos deste tipo salientamos os Algonquinos, Iroqueses e Zuñi en Norteamérica, os Azande e os Nuer en África, os Kachín en Asia ou os Trobiandeses e os Samoanos do Pacífico.

Existen excelentes traballos sobre os Nukak, un grupo de cazadores-recolectores-pescadores cunha horticultura incipiente que viven no Amazonas colombiano. O etnoarqueólogo Gustavo G. Politis, despois dun estudio sobre este grupo, relátanos algúns comportamentos que inflúen na fabricación e distibución dos obxectos que difícilminte deduciriamos cunha investigación arqueolóxica habitual. Estou seguro que non lles deixarán indiferentes algunha conclusións que lles contamos a continuación.

Politis detectou a importancia do papel desenvolvido polos nenos na distribución dos restos que se atopan ao redor dos poboados, o que sen dúbida ten unha gran incidencia no rexistro arqueolóxico. As conclusións que deseguido lles resumimos, foron o resultado dun traballo de campo levado a cabo entre os anos 1990 y 1996, no decurso de sete campañas de convivencia con este pobo amazónico. No día a día compartido con eles descubríu que os nenos Nukak xogaban continuamente ao redor dos acampamentos. Como parte dos seus xogos fabricaban os seus própios brinquedos. Non poucos imitaban as ferramentas e as armas dos adultos, que en que moitas ocasións aparecían perdidas e esquecidas polos arredores do poboado.

Tamén facían pequenos asentamientos para xogar, unha especie de mini acampamentos. De non ter en conta estes datos, non sería dificil confundir os restos do xogo como evidencias de actividades predatorias ou habitacionais. Non seía extraño que os pequenos poboados puderan dar pe a ser interpretados como ocupacións sazonais por parte dos Nunak, como pequenos asentamentos estacionais satélites con respecto ao asentamento principal, como non poucas veces se ten detectado no Paleolítico europeo.

Outras observacións alertaban sobre unha, chamémoslle actividade, que poucas veces se nos houbera ocorrido que afectase á distribución das pezas arqueolóxicas, e polo tanto á súa posterior interpretación. Refírese ás pelexas conxugais, que se non son periódicas si explotan con frecuencia, xenerando moitas "desfeitas": conta que as mulleres soían agredir aos seus esposos con obxectos contundentes, entre eles as vasixas de cerámica. Despois dunha destas disputas aparecían numerosos fragmentos espallados polo campamento, expoñentes da "batalla" marital que tivera lugar momentos atras.

Eses restos, tanto os dos nenos como os das parellas, serían case imposible interpretalos unicamente a partir da distribución estática que atopamos os arqueólogos nas escavacións, unha vez que cesaron esas actividades e que permaneceron por ahí esparexidos con paso dos anos, convertíndose nun rexistro arqueolóxico que posiblemente fuxe do noso entendemento.

Unha vez vistos estes exemplos podemos ver, aínda que sexa de xeito moi esquemático, que a Etnoarqueoloxía, esta forma de facer Arqueoloxía, baséase nuns principios moi estruturados que poden ser de gran utilidade para a interpretación das evidencias: a comparación etnográfica é un punto de apoio interpretativo para o arqueólogo, sempre que non se fagan comparacións irracionais. Permite achegarnos ao comportamento dos grupos humanos da Prehistoria, sobre todo porque as observacións desas sociedades pode suxerir novas hipóteses que non nos houberamos plantexado coas escavacións arqueolóxicas. Por iso o traballo etnoarqueológico debe ser realizado por un arqueólogo con formación antropológica, ou en estreitísima colaboración cun antropólogo. Dito doutro xeito, o etnoarqueólogo é, ante todo, un arqueólogo.

É moi importante que a comparación etnográfica se realice con traballo de campo, elaborando in situ os traballos necesarios. Estes só se poderían evitar se contásemos con investigacións contrastadas doutros autores que acrediten unha información e metodoloxía completas, obxectivas e descriptivas.

Vexan como para facer investigación arqueolóxica é factible investigar directamente xentes do presente, vivas e coetáneas a nós, aínda que os beneficiarios últimos dos nosos traballos deixaran de existir hai moitos séculos, incluso milenios.

*Arqueólogo municipal de Ourense

Compartir el artículo

stats