Estimado señor [Manuel Fernández Pellicer, delegado de Gas Natural-Fenosa en Galicia]:

O pasado 9 de febreiro tiñamos coñecemento da decisión da súa empresa de recorrer ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a sentencia do Xulgado Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra na que se desestima o seu recurso pola negativa do Concello de Lalín a outorgarlle licencia para a construción da LAT 132 KV O Irixo-Lalín.

Este proxecto, tal e como reiteramos en numerosas ocasións dende o Goberno local, ocasionaría gravisimos danos ambientais e paisaxísticos nun Monumento Natural como é a Fraga de Casas Vellas. Cómpre lembrar tamén que esta iniciativa suscitou nos últimos anos unha unánime contestación social por parte de toda a veciñanza de Lalín. É por iso polo que dende o Concello que presido valoramos esa sentencia como a vitoria de todo un pobo na súa lexítima e necesaria loita por defender un espazo clave do noso patrimonio natural e do futuro da nosa terra.

É por iso tamén polo que me atrevo a solicitarlle -apelando á responsabilidade e ao compromiso social que debe ter unha empresa da súa importancia- que reconsidere a decisión de recorrer esta sentencia. Moito máis cando os termos da resolución xudicial acreditan, a través de diferentes informes independentes, que o Concello non pode nin debe conceder licencia de obras debido aos irreparables danos ecolóxicos e ambientais que ocasionaría e que desmontan por completo a Declaración de Impacto Ambiental outorgada pola Xunta de Galicia.

Estamos, polo tanto, ante unha decisión incomprensible e que, ademais, situaría á empresa Gas Natural-Fenosa nunha delicada posición, contraria aos intereses xerais do noso pobo. Consideramos que existen alternativas que permitirían dar satisfacción as nosas necesidades enerxéticas e que, ao mesmo tempo, non resultarían lesivas para os lexítimos intereses de todo o pobo de Lalín. Por iso me poño a súa disposición para que, cando vostede considere, poidamos manter un encontro no que analizar as diferentes opcións que se abren neste novo escenario e chegar a un acordo que sexa favorable para ambas partes.

Coa esperanza de que tome en consideración esta carta, póñome á súa disposición para o que considere oportuno.

*Alcalde de Lalín