Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Galernas e saudades

Hai un cancioneiro militar franquista en lingua galega que, orixinándose nos Mariscos e na Legión Gallega do coronel Barja de Quiroga, coñeceu unha prolongación temporal na Milicia Universitaria de Montelarreina, campamento no que se instruían no Mauser os universitarios de Compostela. Unha destas cántigas dicía así: "Pala pala palabras amorosas/ que leva o ven que leva o ven que leva o vento". O que me serve agora para evocar unha verba fermosa e potente relacionada co vento, á cal, se cadra, o mesmo vento está a levar consigo lonxe de nós. "Gone with the wind", que dicía o novelón da Mitchell.

A palabra é GALERNA. Na nosa mocedade, "galerna" ouveaba moito en Vigo. Aínda non sei se ese ar non sería o mesmo que, na Coruña, Pondal e Pardo Bazán chamaban, nas súas e atintéticas literaturas, "virazón". Cando había galerna, o comandante de Mariña fechaba o porto e non podiamos pillar o vapor e nos chegar a Cangas para estar con Cribeiro, Bernardino e Pepe da Illa na de Turata. Agora chámanlle "cicloxénese" á galerna no parte do televexo, palabra pedantísima para o meu gosto persoal. Camões púñase: "Asopra-lhe galerno o vento, e brando". Porque o vento galerno, ou galerna, pode ser mesmamente brando, así en portugués coma no galego vello e honrado das nosas rías e das nosas Marés. Para ser galerno, o vento só ten que soprar de Noroueste. O que ocorre é que este vento, con moita frecuencia, se pon estupendo e dá en converterse no que Elena Quiroga chamou "tumbaloureiros", moi ben chamado. Desaparece a palabra "galerna", e eu acheina moito a menos estes días nos que o vento zoou con forcia, que din no Courel.

O caso é que nos informativos climatolóxicos franceses tampouco xa non oio nunca a palabra "galerne", que é xémea da nosa e aparece en documentos desde o século XII. É capaz de que "galerna" nos viñese de Francia, ou, quizais mellor, da Occitania Atlántica que é Gasconha, de onde procede o nome dos barcos fisterráns ditos "buceta". En todo caso hai unanimidade entre os etimoloxistas. A orixe de "galerna" é bretoa. En lingua bretoa "gwalern" designa o punto cardinal Norueste. Como a Norueste da Bretaña está o País de Gales, daquela tratarase dunha adaptación ao bretón da palabra anglonormanda Walas, que sirve para nomear o País de Gales (na lingua propia Cymru). Ou sexa que "galerna" sería orixinariamente o vento que vén de Gales.

Nós, de rapaces, emocionabamonos cando a galerna deitaba por terra árbores e facía voar uralitas. As xentes corrían a Baiona para mirar o espectáculo da galerna; mais o NODO, españolista, só puña encuadres da Concha de San Sebastián. Os galegos só existiamos para o NODO no veraneo do Caudillo na Granxa de Meirás, Sada.

Compartir el artículo

stats