As recentes declaracións dun partido político recoñecendo que durante moitos anos non puxeron abondo acento na política lingüística son moi ilustrativas. Porque admiten por primeira vez que a mala saúde da lingua galega non ten un único responsable; eles, na parte que lles toca, tamén o son. Durante moitas décadas as súas prácticas ignoraron os espazos inéditos de gran valor estratéxico.

Hai ben anos comentabamos noutra colaboración neste xornal que as encomiables mobilizacións populares convocadas nos últimos trinta anos denunciando o desmantelamento das estruturas agrarias non supuxeran un respaldo efectivo dos consumidores aos produtos elaborados das industrias agroalimentarias. O máis eficaz tería sido combinar ao tempo esas accións reivindicativas con outras de carácter pedagóxico nos grandes espazos urbanos, para gañar a complicidade dos consumidores, paliando os males denunciados e acadando maior cohesión social.

Compre artellar unha alianza estratéxica do agro e as cidades, coa participación das institucións e sectores sociais influíntes nas cidades e vilas na que se concentra o 75% da poboación, desenvolvendo campañas de concienciación dirixidas aos consumidores para que amosen preferenza polos nosos produtos, e nomeadamente polos que incorporan a lingua galega ás súas etiquetas. A nosas industrias de transformación para perviviren necesitan dun número maior de consumidores dos seus produtos. Nesa liña enmárcanse as accións do Foro E. Peinador-Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros, que avogan por materializar esa alianza estratéxica antes aludida das industrias agroalimentarias coas corporacións locais e tecido asociativo.

De aí o esforzo que estamos a facer para ir trenzando complicidades solidarias. O Parlamento de Galicia aprobou no ano 2013 unha iniciativa parlamentaria instando ao Goberno para que conciencie a nosa poboación na importancia do consumo galeguizado, refrendando así a sinatura da "Carta do Consumo Responsable e Solidario" asinada por partidos políticos, centrais sindicais e movementos asociativos de todo tipo. A seguinte fase é pasar dos ditos aos feitos, para que cada un dos seus militantes e afiliadores leve esa mensaxe ao conxunto dos consumidores, porque a demanda é ademais a que pode condicionar a oferta para que se galeguice.

O pasado mes de xullo nun acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos a Fegamp e os alcaldes das grandes cidades galegas comprometéronse coa sinatura da Carta a promoveren accións institucionais na dirección apuntada.

Hai que superar as flagrantes contradicións protagonizadas por algúns axentes sociais, afervoados defensores da nosa cultura. Non é a primeira vez que temos acudido á presentación dunha obra literaria onde o editor e autor, amais de aguilloaren á Xunta de Galicia polas escasas subvencións á edición do libro galego, animan aos asistentes a mercaren a publicación. Mais cando o público é convidado a un viño ofrécese unha marca que non está etiquetada en galego. Os que así actúan infravaloran a importancia decisiva da normalización da lingua en sectores extraliterarios.

A mesma contradición observamos na celebración de sinaladas efemérides destinadas á reivindicación dos nosos sinais de identidade. Os discursos das organizacións convocantes non son transversais, centrándose, unicamente e inexplicablemente, na reivindicación literaria, como é o caso do Día das Letras Galegas, ou só no acento ideolóxico na celebración do Día de Galicia ou Patria Galega. Mal camiño para alentarmos na cidadanía a imprescindible cohesión social e territorial que nos faga pobo.

Nos últimos meses o Foro E. Peinador-Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros, celebrou nos concellos de Bueu, Lalín e Ourense -axiña tamén en Mondariz- senllas presentacións das marcas etiquetadas en galego, seguidas de degustacións, para concienciar aos consumidores na fidelidade a esas marcas. Os próximos días 3 e 4 de febreiro estaremos no Salón Internacional de Turismo Gastronómico "Xantar" organizado por Expourense, para poñer en contacto a estas empresas galeguizadas cos milleiros de visitantes que acudirán á feira.

Os galeguistas do período republicano insistiron neste labor pedagóxico alegando que unha patria para existir necesita contar cunha economía propia, por iso se laiaban do comportamento de moitos galegos "que son cómplices con outras economías que compiten abertamente coa galega". Nós, moitos anos despois, afirmamos que a economía e a lingua deben ir da man.

*Presidente Foro E. Peinador