Como, desde logo, veñen de informar oportunamente os diferentes medios de comunicación -este venerable rotativo sempre na vangarda, é de obriga- e como, sen dúbida, han de coñecer Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas semanais, velaí que, de acordo cun recente estudo, os habitantes deste país de países, prazas de soberania e Perejil adxuntos resultamos ser os europeos que menos coñecementos posuímos (ou que peor grao de capacitación presentamos ao respecto) do idioma inglés. Tanto é así que, na pertinente táboa clasificatoria, España figura inmediatamente por debaixo de Bélxica, Grecia e Portugal e apenas por enriba de búlgaros e húngaros. E o que é peor, e sempre segundo a análise efectuada por Education First: para maior desgraza e infortunio, as nosas capacidades na lingua de William Shakespeare víronse reducidas en 0,38 puntos en relación aos anteriores informes. Vaia, o que se dí toda unha señora desfeita! Polo demais, e de novo acudimos ao informe que nos serve de guía, si que somos conscientes da gran carencia: de feito, autoavaliámonos colectivamente cun ben triste 2,67 sobre un total de 5 puntos posibles; franceses e italianos, máis optimistas, entenden que eles poden chegar ao 2,69, que tampouco son foguetes de sete estralos, iso tamén. "Good morning"; "see you": segundo denuncian uns cantos -demasiados!- profesionais da cousa, tal é todo o inglés utilizado realmente nunhas cantas -demasiadas!- aulas teoricamente ditadas naquela fala. En fin, chegados a tal punto... que vai ser de nós?

E, porén, hai algo que non acaba de cadrar no conto. A ver; a pouco que o pensen Vdes., a broma responde perfectamente á realidade desoutro inquérito. Refírome, certamente, á resposta dada -ou aos arrabaldes da mesma- respecto da pregunta arredor de cales linguas se falan no Estado español: "... pois, a ver: falar, fálase castelán; fálase catalán; fálase galego; fálase euskera..." "Moi ben e, dígame agora: cales idiomas fala, entón, Vde?" "Pois, eu falo castelán (e falo catalán/galego/euskera, segundo a comunidade correspondente) e falo tamén algo de inglés" "Algo? E canto é algo de inglés? Que nivel...? "Pois...; a ver, eu falo inglés..., inglés de nivel medio".

"Nivel medio?" Que raios entendemos? -si: entendemos, porque moitos de Vdes., e aínda este cronista, tamén fomos, imos, caer na tentación: "eu falo inglés de nivel medio"-; que consideramos?; a qué nos referimos, en realidade, cando aseveremos, insensatos, esa cousa do "inglés de nivel medio"? Porque, inútil por completo para facerse comprender por un norteamericano, británico, irlandés, australiano...., o noso "inglés de nivel medio" vén ser un ben curioso castrapo, que dá xenio oílo, extraordinariamente práctico para acabar de despistar a algún coitado guiri, xa previamente desorientado de seu, incapaz de ir máis aló, á súa vez, de "¿dónde plaza de toreros? e/ou "¡si; me gusta mocho España!" TTT: Typical Topical Topics, que lle queren?

Con certeza, os expertos na temática ofrecen variadas explicacións. Que se unha metodoloxía inadecuada e mais a carencia de medios; que se os índices socio-económicos; que se unha vergoña excesiva e outros complexos varios... mesmo que se determinados factores ideolóxicos: a nónima das causas posibles e menos posibles é, de certo, ben variada.En calquera caso, unha relación que acaba por remeter unha e outra vez a esa ambigua, equívoca, confusa, atrapallada... relación hispana coas formas culturais alleas: porque ou ben proclamamos, nun exercicio de inútil, arrebatada irreflexibilidade, as marabillas marabillosas, os méritos incomparables... da "lengua de Cervantes" ("¡mal que les pese, en veinte años, los norteamericanos van a tener que aprender, todos, el español!") ou xeira caemos na máis terrible, profunda e escura das depresións: "Como sigamos así, aceptando toda clase de anglicismos, en veinte años, ¡aquí nadie va a saber hablar ya el español!"

Tendo en conta os recursos cos que de veras contamos, e considerando así mesmo a realidade do mercado laboral, comezan, non obstante, a xurdir voces -difíciles de escoitar no medio e medio dun monótono pensamento único- que cuestionan ou, polo menos, matizan. esa necesidade imperiosa -tal semella que instalada por mandato divino- de que toda a poboación aprenda, si ou si, a falar en inglés. Ou o que é máis: esa especie de deber, precepto... por acadar un certificado B, C... sen o cal, seica, nunca poderá ninguén -en Santander, Murcia, Valladolid... ou Vigo- manexarse cos ladrillos e mais o cemento, cambiar adecuadamente as pastillas dun coche, conducir un autobús, arranxar un enchufe, tallar adecuadamente a carne na carnicería, rexentar unha farmacia, dirixir unha notaría, defender un acusado nos tribunais ou operar como lle cómpre a un enfermo de apendicite. Nin en Santander, Sevilla... nin, claro é, en Londres e viciñanza. Alí, e por moito nivel "Proficiency" que se lles presente, van saber, Brexit yes, se o aspirante sabe/non sabe apañarse en menos do que canta un galo. Ou "in the blink of an eye", dito/escrito vaia en inglés nivel medio!