Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Plenus

Cuevas era un daqueles antigos armacéns ditos "de coloniales" que se fundaran no Progreso de Ourense na segunda metade do século XIX, probabelmente por propietarios procedentes da Tierra de Cameros ou de Maragatería.

Cuevas e Cia. están abrindo hoxe uns supermercados moi agradabeis en Vigo. Estes chaman a atención pola abundante rotulación en galego. Tamén chama a atención o nome dos establecementos, que é Plenus. Como vostede non ignora, a palabra "plenus" é latina e evoluiu ao galego como "cheo". Trátase dunha amósega máis da moda neolatina que fai furor en todo tipo de empresas. Non sei se o primeiro negocio importante que se autotitulou en latín foi o Bureau Veritas, internacional de seguros marítimos; pero despois viñeron Sanitas e outros. A moitos sorprendeunos que unha empresa médica privada se chamase Sanitas, porque é unha obviedade tan grande como sería aquela dunha empresa de pompas fúnebres que se anunciase como Mors, que significa a morte na lingua do Lacio. Lagallarde, casa que procede do sector das armas, entrou no negocio da xestión das augas privatizadas nos concellos franceses co nome de Vivendi, que é unha forma verbal latina clásica. Non sei, en troques, por que unha pasarela de moda de Pontevedra se chamou Pontus Véteris, cousa que nin é latín nin farrapo de gaitas, aínda que faga como se o fose. E logo vén a tendencia a lles pór nomes en latín aos viños, especialmente galegos, como Organistrum, que é unha especie de sanfoña que figura no pórtico da Gloria, ou Regina Viarum que, significando Raíña dos Camiños, non se explica un que ten que ver iso coa uva mencía. Que os nomes latinos ou de apariencia latina (Navantia, Argentaria) están a aparecer masivamente nos mercados é un feito que é difícil de facer compatíbel coa desaparición da lingua de Roma nos estudos, principalmente en España. Ou moito me equivoco ou existe unha tendencia a evitar o inglés, por vulgar e obvio, e substituilo polo latín. Un comercio de roupa, só feminina, chámase, misteriosamente, Uterqüe, que significa "un dos dous", e o que ideou a marca quixo que os clientes pronunciasen ben o latín clásico para o cal colocou un trema por riba do segundo u. Esta retirada do inglés, e avance do latín no mundo do mercado, anuncia a fin do poder norteamericano.

Compartir el artículo

stats