Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cinco años de la muerte de una figura clave de la política gallega y española

A vixencia de Manuel Fraga

O primeiro precedente da Conferencia de Presidentes que terá lugar o próximo martes foi a convocatoria de outono de 2004. Seguindo un formato xa tradicional en todos os países democráticos con alto grado de descentralización, os mandatarios das comunidades autónomas de España reuníronse para poñer en común as súas políticas, e buscar solucións comúns a diferentes problemas.

Naquela primeira Conferencia Galicia estivo representada por Manuel Fraga. O presidente galego fora o pai da iniciativa cunha proposta que realiza en 1992 e que reitera en diversos foros con esa teima tan súa. Pouco a pouco, unha idea que moitos consideraban estraña, superflua ou mesmo arriscada, ábrese paso ata acadar un amplo consenso. Vinte cinco anos despois de que don Manuel se anticipara coa súa proposta, a Conferencia de Presidentes convértese nunha ferramenta imprescindible para estabilizar o noso Estados autonómico.

Que o cabodano da súa morte coincida co cumio presidencial, dáme a oportunidade de salientar a capacidade de quen foi o gran artífice da Galicia moderna, para anticipar solucións que non supuñan nin ruturas nin inmobilismos. O reformismo acada en Manuel Fraga a súa máxima expresión. Fronte á célebre fórmula "lampedusiana" de "cambiar todo para que nada cambie" el avoga por cambios progresivos que finalmente logran transformacións substanciais. Faino en España cos traballos constitucionais e a construción dunha gran forza reformista e autonomista, e faino tamén en Galicia fomentando o orgullo colectivo e a participación activa nas grandes cuestións de Estado.

Manuel Fraga enmarca a relación entre o autogoberno galego e as institucións centrais do Estado con dous principios que teñen hoxe pleno vigor: esixencia e lealdade. Nin confunde a lealdade coa submisión, nin a esixencia con plantexamentos insolidarios. O galeguismo que o presidente Fraga apadriña considera que Galicia é Estado e nel lle corresponde unha posición forte e diferenciada.

Na súa traxectoria como presidente da Xunta demostrará reiteradamente que en Galicia e dende Galicia pódese facer política de Estado. Xunto ao inxente esforzo por dotar á nosa comunidade de infraestruturas físicas propias dun país moderno, Manuel Fraga ocúpase en erguer un modelo autonómico baseado en infraestruturas políticas e mesmo sentimentais. Con el rómpese a idea equivocada de que o autentico estadista só pode traballar politicamente alí onde residen os poderes centrais do Estado. Non chega á política galega para convertela nun refuxio persoal, senón para proxectala e darlle unha nova dimensión.

Aquela "autoidentificación" que el propón descansa na convicción, compartida hoxe pola gran maioría dos galegos, de que a querenza polo propio non está vencellada en modo algún co rexeitamento do foráneo, senón á certeza de que Galicia posúe enerxía dabondo para desenvolver un papel protagonista en España, Europa e o mundo. Fronte a outros plantexamentos, o galeguismo reformista que funda don Manuel cree que a vitalidade do pobo necesita abrir fronteiras e relacionarse con todas as culturas.

Nas novas encrucilladas que ten España nestes albores do 2017, o pensamento e a acción de Manuel Fraga ofrecen unha orientación que compre aproveitar. Referíndose, por exemplo, a unha reforma constitucional que estaba presente nos debates ao comezo deste século, o presidente galego pide espírito de consenso, obxectivos claros e "non converter a modificación constitucional nunha nova caixa de Pandora da que saian todos os ventos". A actualidade destes consellos é patente.

Manuel Fraga encaixa na definición churchilliana de estadista como aquelque non pensa só nas próximas eleccións, senón nas próximas xeracións. Don Manuel foi un político e un estadista; un home de pensamento e de acción; un protagonista do seu presente que ten unha ampla transcendencia no futuro. Mesmo na súa elegante posición unha vez retirado das responsabilidades públicas, é un modelo que merece ser imitado polos que desexan que o seu proxecto político sexa máis amplo cun proxecto persoal.

As ideas de Manuel Fraga están vixentes. O próximo martes celebraremos unha Conferencia de Presidentes que el propuxo en 1992. A España das autonomías foi a súa preocupación e a súa ocupación. Grazas a súa herdanza Galicia é un modelo para os que anhelan unha patria común na que se poida ser diferente.

*Presidente da Xunta de Galicia

Compartir el artículo

stats