Atrás quedan as declaracións, desafortunadas en inicio e rápidamente rectificadas, por parte do ministro de Fomento. Daquela reflexión queda hoxe a constatación de que a variante exterior de alta velocidade de Ourense é un asunto prioritario na axenda do Ministerio de Fomento.

Aquelas manifestacións xeraron unha forte reacción nos medios de comunicación de Ourense e Galicia, ao entenderse que se estaba cuestionando esta variante ferroviaria. E o que é máis importante: a unión de toda a cidade, de toda a provincia, en torno a un proxecto que todos sabemos prioritario e fundamental para o futuro de Ourense.

A rápida reacción da Alcaldía, tendente en primeiro lugar a esclarecer o auténtico sentido das devanditas manifestacións, e en segundo lugar a procurar unha pronta rectificación, conseguiu a ratificación da continuidade da variante exterior como incontestable. Quedou de manifesto que o diálogo constructivo e o respecto institucional son dúas claves irrenunciables á hora de defender os intereses xerais de Ourense, obxectivo primordial de todo xestor público e de todo alcalde en particular.

Cabe lembrar que o 19 de abril de 2013 a anterior ministra de Fomento, Ana Pastor, presentou en Ourense o novo proxecto de integración ferroviaria na capital co obxectivo de dar adecuada resposta ás opinións de todas as administracións, institucións e sectores implicados (Ministerio de Fomento, Xunta de Galicia, Deputación e Concello de Ourense). E que naquela data foi confirmada a variante proxectada entre Taboadela e Ourense como a solución máis axeitada para a chegada da alta velocidade á cidade.

Unha solución que optimizaba o trazado contemplado no proxecto de 2011, facendo un replantexamento dalgunhas das actuacións ferroviarias complementarias, co obxectivo de favorecer a conexión de alta velocidade nos prazos previstos e o máximo aproveitamento dos recursos dispoñibles. Lembrouse que desde aquela data fóronse sucedendo diversos avances administrativos na tramitación ministerial desta variante ferroviaria.

Así, a mesma ministra de Fomento o 22 de xuño de 2016 en visita a nosa cidade informaba que no tramo Taboadela-Seixalbo, o expediente estaba en mans do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. E que todos os proxectos estaban na súa fase final, co obxectivo de licitar as obras tan pronto como dispoñamos do visto e prace ambiental. E que, entre Seixalbo e o Túnel de Montealegre estaba a concluír a tramitación ambiental. E que no tramo máis avanzado, Túnel de Montealegre-Estación de Ourense, estabase a finalizar o proxecto axustándoo ao acordado co Concello e logo proceder a licitar as obras.

E lembrouse tamén na liña de avance administrativo, con data 3 de novembro de 2016 o BOE publicaba a Resolución do 20 de outubro de 2016, da Secretaría de Estado de Medio Ambiente, referida ao impacto ambiental dos Proxectos de Construción dos tramos Seixalbo-túnel de Montealegre e túnel de Montealegre-estación de Ourense e do proxecto básico do tramo Taboadela-Seixalbo. Resolución que finalmente informaba favorablemente a proposta de novo vertedoiro, cumprindo os requisitos ambientais.

É dicir: o proceso administrativo e ambiental da variante avanzou dun xeito lento pero decidido desde 2013 ata novembro de 2016.

Tras esta aportación de antecedentes formalizouse a reunión co ministro para a tarde do martes 13. A rápida reacción, en coordinación co goberno galego e o provincial, e a nosa representación parlamentaria en Madrid, xunto coa forza do sentir cidadán da sociedade ourensá, foi decisiva para que en poucas horas quedara solventada a polémica, coa rotunda e contundente manifestación do ministro: "Ratificar o compromiso coa variante exterior de Ourense".

Compromiso que deberá manifestarse dando pasos firmes, rápidos e efectivos nos procedementos administrativos e medioambientais que permitan a licitación das obras de construcción da variante exterior, de xeito que se elimine toda dúbida sobre a necesidade de construción desta variante exterior que é unha parte fundamental da conexión por alta velocidade entre Madrid e Galicia.

Acaba de comezar unha nova Lexislatura, e temos un novo Goberno cun novo ministro que o pasado 5 de decembro, reuniuse co presidente da Xunta, tendo como tema central da axenda o desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias (AVE) a Galicia. O propio ministro, De la Serna, recoñeceu que estas obras seguen sendo unha prioridade para o Goberno, que existen dificultades en determinados tramos, e que ademáis a dilatada situación de bloqueo político do goberno central en funcións impediu actuar para resolver os problemas xurdidos na execución destas complexas obras.

É por iso que o que toca agora é primar máis a resolución dos problemas existentes na construcción dos distintos tramos do AVE a Galicia, dando impulso ás obras e acelerando os trámites e licitacións dos tramos pendentes.

Todos debemos ter claro algo: o tramo da variante forma parte dunha líña ao servizo de toda Galicia. E non é serio imputar a este tramo nin o retraso nin a elevación do custe do AVE a Galicia. Falamos dun tramo de pouco máis de 17 km dun total de 415,75 km. E o seu custe de construcción previsiblemente estará na media por kilómetro do resto da lína, e moi por debaixo do custe entre Lubián e Porto.

A chegada da Alta Velocidade pola variante exterior é unha conquista de Ourense á que a cidade non debe renunciar. O sabe a sociedade ourensá co seu goberno municipal á cabeza. Cabe lembrar que nestes últimos lustros, e con gobernos de distintas cores políticas, o Concello sempre imprimiu o seu énfasis na chegada do AVE á nosa cidade como elemento de desenvolvemento económico e vertebrador da cidade.

E é precisamente neste intre cando a Alcaldía seguirá a exercitar o diálogo constructivo e o respecto institucional para manter a vixiancia sobre este proxecto estratéxico para Ourense. Para garantir que os intereses xerais dos ourensáns estarán salvagardados e contarán cunha férrea defensa desde a cidade e desde o Concello.

Nin Ourense nin Galicia poden darse por por satisfeitas ata a finalización completa e correcta das obras, segundo o establecido. E que esa finalización conleve a construcción da variante exterior de Ourense. A voz da cidade, a voz da provincia, alzouse ao unísono para reivindicar o que por dereito lle pertence a Ourense. A unión de toda a sociedade ourensá deixou clara a unión perante a necesidade de non dividir á cidade, algo garantizado mediante a variante exterior.

*Alcalde de Ourense