Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Sobre policía de espectáculos

A linguaxe castelá está inzada de palabras e expresións tomadas do mundo das corridas de touros. "Embolao", "toros desde la barrera", "larga cambiada", "al alimón", "tancredismo", "en todo lo alto", "venirse arriba (o abajo)", "a pies juntillas", "a toro pasado", "dar la puntilla", e outras así que invaden a fala e a escrita da lingua do Imperio e que din moi mal se se inoculan na conversa e na literatura en galego.

Pro non prenden facilmente no noso idioma. A razón é que as corridas de touros nunca arraizaron en Galicia, non sendo en lugares moi concretos coma Noia. A min non me incomodan as corridas portuguesas, sobre todo porque gozo moito co caporal dos forcados cando el mexe as cadeiras e provoca o bicho dicindo (no Alentejo) non "toiro, toiro" senón "boi, boi" á galega. É emocionante para min o acurro de touros a cabalo que se fai no agosto en Coria (en galego das Ellas, Coura ou Coira).

Un meu amigo que se meteu no negocio de montar unha tourada en Valença, en praza portátil e á portuguesa, con cabaleiros vestidos á federica, tivo un bon fracaso. Os minhotos non son entusiastas da tourada e a praza de touros do Porto non sei se segue aberta ou se somente languidece.

Algo moi arcaico, moi profundo, moi ancestral alonxa os fillos da Gallaecia da corrida de touros. Ideoloxicamente, eu considérome un antitaurino moderado. Inda sendo actualmente legais as corridas de touros, os galegos non as piden nin asisten demasiado a elas cando se programan na "feria" (que feira?) de Pontevedra, sempre coa comparecencia dun Rajoy considerado polos cronistas madrileños un grande mestre da sorte de don Tancredo, que coido que hai máis de cen anos que deixou de porse en práctica.

Chéganme noticias de que no parlamento de Galicia se está a preparar unha lei de trato animal, que espero que non inclúa entre as especies protexidos o bacilo de Koch e os diferentes parásitos que poden mortificar o ser humano e que foron estudados por don Luis Iglesias. En cambio, confío en que protexa as razas domésticas autóctonas de cabalo, vaca, can, galiña, e outras, que deberían estar tan mimadas como o están as correspondentes de Inglaterra. De paso, En Maré ten que defender a prohibición das corridas de touros en Galicia, incluso utilizando os mesmos argumentos (para non parecer nacionalistas en exceso) que utilizou contra tal festa Jovellanos. Hai quen sostén que o asturiano eximio escribiu o seu informe sobre a policía de espectáculos en Ribadulla, Galicia.

Compartir el artículo

stats