Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De mouros, mouras e tesouros (II)

As mouras

As mouras (tamén chamadas vellas nalgúns relatos) posúen unhas características definidoras que as distinguen dos mouros. Soen ser mulleres encantadas, de enorme beleza (cabelos louros, pel branca...), que habitan espazos concretos (fontes, ríos, penedos, mámoas, castros...). Son seres sensuais, pero tamén perigosos, portadoras de grandes riquezas (peites de ouro, tesoiras de ouro, galiñas con pitos de ouro, tendas con obxectos de ouro...), e donas dunha forza sobrehumana, sobrenatural, que as fai ser responsables de formacións rochosas estrañas.

Soen atoparse cos homes en forma de serpe pedíndolles un bico para quedaren desencantadas, ou en forma de cobra cunha flor nos beizos que o home ten que coller para que recupere o seu aspecto normal.

Segundo Vicente Risco, citado por Rafael Quintía (Mouros e mouras. Na procura de nós mesmos. Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular. Lugo, 2012. Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), a figura da moura pódese sintetizar nos seguintes aspectos:

-Unhas veces aparece peiteando o seu louro cabelo cun peite de ouro.

-Outras, faise cargo dunha tenda con obxectos de ouro. O home ten que responder correctamente ás cuestións da moura, senón sufrirá unha desgraza.

-Tamén pode ser que se atope cun mozo co que se cita para que a veña desencantar da súa forma de serpe.

-Soen facer acto de presenza á beira dunha fonte ou dunha peneda.

-E finalmente, hai veces nas que aparecen tres mouras xuntas.

A estes cinco aspectos, Quintía engade outros dous:

-A moura aparece pedíndolle un favor ao home. A cambio dálle algo (normalmente ouro), coa condición de que garde o segredo e non vexa o agasallo ata chegar á casa.

-Non sou poucas as lendas nas que a moura vai á fronte dunha galiña seguida polos seus pitos de ouro ou que se converten en ouro se un os logra coller.

E eu engadiría outras tres:

-A moura como ama de casa que cociña, cose, fía e coida animais (sobre todo os porcos dos veciños).

-A moura como vingadora e castigadora, sen motivo aparente, do mal comportamento do ser humano.

-E, por último, a súa función como vixía de tesouros agochados en covas, mámoas, castros...

En canto aos atributos da moura, Rafael Quintía analízaos polo miúdo relacionándoos coa mitoloxía europea (Análise estrutural e simbólica do mito da moura. Santiago, 2016. Sotelo Blanco Edicións). Destacan os seguintes:

-A moura fiando na roca cun fuso: este atributo ten o significado da moura como dadora de vida e dona dos destinos da xente.

-A moura como posuidora dunhas tesoiras de ouro: este obxecto expresa tanto a creación como a destrución, xa que con elas, simbolicamente, pódese cortar o destino das persoas.

-A moura empregando un peite de ouro: o feito de peitear os cabelos é símbolo da sensualidade feminina. Pero ao mesmo tempo, os peites soen ter unha grande carga escatolóxica, de aí que soan aparecer nos enxovais mortuorios.

-A moura como serpe: este réptil posúe unha enorme carga simbólica ao longo da historia. Véxase como, por exemplo, para o cristianismo representa o mal, o pecado e a tentación asociados ao relato do pecado orixinal no libro da Xénese. Pero tamén é dona dunhas virtudes positivas, asociadas fundamentalmente á fertilidade a través de tres aspectos: A súa forma fálica, asociada á virilidade do aspecto masculino da fecundidade. A dilatación do seu corpo, vencellada ao ventre fecundo do ser feminino da fecundidade. O mudar a pel, relacionada coa capacidade rexeneradora da natureza. A moura que se converte en serpe representa o poder rexenerador da terra e o ciclo do nacemento. Mentres que a que se presenta en forma de serpe representa o perigo, a tentación, e o pecado da sexualidade

-A moura como construtora de megálitos: amosa unha forza sobrenatural, levando grandes pedras sobre a súa cabeza. Formacións rochosas peculiares soen asociarse a este atributo.

-Finalmente, existen outros atributos que definen á moura. Un deles é a posesión de tesouros de ouro, símbolo de abundancia, fortuna, fertilidade, bonanza... Outro é o pan, símbolo de vida e alimento demandado por elas para seren desencantadas. Nesta mesma liña de significado atópase o leite, xa que a moura soe pedir unha cunca del para desfacer un feitizo.

Con respecto ao leite, cómpre destacar a interpretación que sobre este atributo fai Mar Llinares, equiparando o leite ao seme cunha clara alusión á fertilidade. Segundo esta antropóloga, o leite ten unha dobre interpretación simbólica. Por un lado, asexual, no que o leite é alimento da nai ao fillo. Por outro, sexual, na que o leite (seme) é alimento do home para a moura home (Llinares García, M. Mouras e mulleres. As imaxes femininas na mitoloxía popular galega. Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular. Lugo, 2012 AELG). Ademais, para esta investigadora, no ámbito imaxinario da cultura popular galega as mouras ostentarían unha dobre simboloxía: unha positiva, definindo o que deben ser as mulleres (traballadoras da casa); e outra negativa, reparando no seu poder máxico de sedución, dunha perigosa sexualidade activa non controlada polo matrimonio.

En canto ao hábitat da moura, dous son os seus espazos privilexiados de manifestación: as pedras e as augas (ríos, regatos, fontes, fervenzas...).

A pedra sempre foi un elemento identificado coas deidades dende épocas antigas. As grandes formacións rochosas con características morfolóxicas peculiares (forma de ovo, ventre,...) sempre foron asociadas á fertilidade, poñéndose de manifesto unha certa litolatría. Deste feito dá boa nota Quintía Pereira nun estudo antropolóxico que fixo sobre o santuario costeiro da Lanzada, referíndose á estreita relación existente entre determinados penedos e a facultade que estes teñen para favorecer a fertilidade. E, tal como referimos antes, a moura tamén ten como un dos seus atributos definitorios o ser dadora de fertilidade. Polo tanto, é a fertilidade o fío condutor da relación entre os penedos e as mouras.

Ademais, cómpre ter presente como o cristianismo foi substituíndo a simboloxía pagá de determinados penedos por unha simboloxía propia das crenzas cristiás. Basta con ir ata Escuadro (Silleda), e ver o novo significado que foi adquirindo a Penadauga, penedo no que se di que descansou a Santa Isabel deixando a súa pegada nela. Posiblemente esteamos ante un espazo de hierofanía, no que a moura pretérita foi substituída pola Santa Isabel.

En canto á auga, esta sempre foi considerada dende tempos pasados como a materia prima, a que os filósofos presocráticos chamaban "o arxé da fisis", tendo no pensador milesio Tales o seu principal teorizador. Pero non só os teóricos, senón tamén as relixións cargaron de simbolismo a auga: a auga purificadora do Ganxes para os hinduísmo, a auga que limpa do pecado orixinal no bautismo para o cristianismo, a auga salvadora do Mar Vermello para o xudaísmo... E que dicir da mitoloxía greco-latina, na que a Lagoa Estixia era o camiño que te levaba ao inframundo no que un sería xulgado con premio ou castigo segundo a vida que se levara.

Disto despréndense dúas funcións propias da auga. Por un lado, ser rexenerativa e fecundadora; e por outro, ser un medio de comunicación co outro mundo. A presenza de mouras preto de fontes ou regatos deixa caer un pouso das antigas divindades das augas. Nas lendas nas que esta escena se repite, a moura queda claramente asociada ás dúas funcións ambivalentes antes referidas: como deusa da fertilidade, e como porteira do inframundo que leva os homes á morte. A esta última función, claramente van vencelladas aquelas lendas nas que as mouras se presentan en grupos de tres. Segundo Marcial Tenreiro, estas tríades de divindade feminina son un sinal de morte, quedando asociadas ao tema neotestamentario da presenza das tres Marías no momento na morte de Xesús na cruz (Os mouros: notas sobre a permanencia do mito no folclore. Anuario Brigantino nº 25. Betanzos, 2002. Concello de Betanzos).

A moura como porteira do máis alá, habita fontes, ríos, pozas, regatos. A auga recupera o seu valor simbólico de fronteira natural entre os dous mundos, facultade á que se suman as covas, túmulos ou megálitos como portas cara ao outro mundo.

En canto ao tempo no que soen manifestarse as mouras ao ser humano, o amencer do San Xoán, coincidindo co solsticio de verán, é o día propicio para tal acontecemento. A moura, á alba do 24 de xuño, aparece co espertar do Sol. Nese mesmo día tamén soe aparecer unha galiña seguida dos seus pitos de ouro. E ata en algunhas ocasións sae a moura seguida da galiña e os pitos. Os lugares propicios para a súa aparición son as fontes e os penedos.

Como remate a este punto, transcribo unha conclusión que sobre o tema das mouras aporta Rafael Quintía: ... a orixe da figura mítica da moura (...) está relacionada coa crenza e a existencia nun pasado de antigas deusas paleocristiás, responsables da fertilidade e da vida no Máis Alá. Son deusas que responden ás dúas grandes incógnitas da natureza humana: o mundo dos mortos e a perpetuidade da vida.

Na comarca de Deza levamos recompiladas 66 lendas nas que as protagonistas son as mouras: 29 en Lalín, 20 en Silleda, 17 en Vila de Cruces, dez en Rodeiro, dúas en Dozón e unha en Agolada.

Compartir el artículo

stats