Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Educar para a servidume

O PISA é un programa de inxerencia capitalista en estado puro, non computa o coñecemento en historia, xeografía ou pensamento

Nalgún tempo a palabra "pisa" (variente, "pixa") era considerada groseira e os nenos tiñámola proibida no lar e na escola. Hoxe "pisa" é vocábulo galego que foi substituído xeralmente por sinónimos de orixe castelá e que apenas vive nos dicionarios unha existencia flácida e crepuscular. Pero hai uns anos que outra "pisa" apareceu en territorio español como PISA. O conto é que o Estado Español está integrado na OCDE, escuro organismo internacional cuxas siglas desenvoltas en galego rezan Organización de Cooperación e de Desenvolvemento Económicos. Todo, como se ve, cifrado na vaga e críptica linguaxe que adoitan as relacións internacionais cando queren ocultar os máis escuros desexos. Forman parte da OCDE trinta estados capitalistas desenvolvidos: os EEUU e os seus socios máis achegados, incluídos os da UE en crise.

Como entre os fins brumosos da OCDE figura o de fomentar estudos e propor políticas económicas, o organismo internacional, dados os ligames universalmente recoñecidos entre economía e educación, puxo en funcionamento o PISA que hoxe nos ocupa. Trátase dun programa cuxo obxectivo é analizar e xulgar a eficacia das prácticas educativas dos países desde o punto de vista estrito do interese dos poderes neoliberais. As siglas do PISA desenvólvense en inglés como Programe for International Student Assessment, no noso idioma Programa Internacional para a Evaluación dos Estudantes, ou cousa polo estilo.

Observarán que o PISA non está promovido pola UNESCO. E non o está porque o PISA é un programa de inxerencia capitalista en estado puro. Os axentes secretos do PISA examinan só das seguintes materias: lectura, ciencias naturais e matemáticas, a nenos de 15 anos. Poden estes ser ignorantes en historia, en xeografía e en pensamento, pero deberán amosarse espelidos en lectura, matemáticas e ciencias da Natureza. O modelo de ensino que promove PISA é aquel que ensine a comprender as ordes, non a emitir, por escrito e por medio oral ideas e pontos de vista. PISA non distingue entre ensino público e privado, fendedura que se amosa perversa nos territorios españois. Este programa está a favorecer unha educación para a servidume acrítica nunha sociedade clasista na que as elites reciban programas de educación adecuados á función dirixente, que non son, naturalmente, o PISA.

Compartir el artículo

stats