Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Crenzas para o Nadal

Non sei se, acaso, tamén algún de entre Vdes. -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais-, mais velaí que a sección de "Cartas ao director" dos diferentes xornais, semanarios e revistas vén rexistrando nas pasadas semanas -e máis, a medida que se achega a data sinalada- airadas protestas por causa do anuncio televisivo da Lotería Nacional de Nadal do ano en curso. "Errado"; "desacertado"; "falso"... cando non directamente "inadmisible" ou "intolerable": eis os cualificativos por parte de todos aqueles que suxiren, solicitan... esixen xa! que a tal publicidade sexa retirada de contado da circulación mediática. De certo, unha moi señora revolta popular.

A ver; que me veñan agora mesmo á memoria, haber si que hai uns cantos. Por exemplo, e sen irmos máis lonxe, temos ese no que un pai -cuxo fillo calza dúas pernas esquerdas e tortas, resulta incapaz de lembrar as xogadas ensaiadas, agacha sempre a cabeza e nunca xamais se atreve a meter o pé nos balóns divididos; vaia, o que se di un auténtico "paquete" en materia balompédica, o rapaz- consegue, así e todo, que o moi mamalón sexa aliñado como ariete -á par que capitán do equipo- no próximo partido, a fin de que poida marcarse "un dobrete" e/ou incluso un señor hat-trick, grazas a un xamón oportunamente regalado para as ledicias do adestrador lambón e corrupto.Ou contamos asemade con esoutro no que se demostra urbi et orbi que para ligar moito/moitísimo, non se precisa en ningún caso de sesións e máis sesións de abdominais, horas e horas de ximnasio e piscina, coñecementos musicais, artísticos ou cinematográficos, vestir roupa de marca, conducir unha berlina toda deseño e cabalos e/ou amosar arreo unha dentadura made in Hollywood; ben polo contrario, abonda con utilizar unha determinada marca de desodorante e, daquela, o universo enteiro sentirá a fragrancia sexy e sedutora do interesado portador do recendo a embriagarlle por enteiro os sentidos. En fin, podemos facer mención aínda daqueloutro no que CR7 se fai supermillonario total non por causa dos moitos goles anotados así na Liga como na Champions senón mediante as escintilantes habilidades e caneos do astro lusitano na hora de xogar, moi taimado tafur do Mondego e da Madeira, ao PokerStars.

Pois ben; non sei se Vdes., pero o que é este cronista, o caso é que descoñezo por completo que alguén se dese por aludido, inxuriado, afrontado... por causa de calquera dos anuncios televisivos -e/ou outros que se emitan na pequena pantalla- que vimos de citar nos parágrafos precedentes. A ver; ninguén a non ser, iso si, D. Cristóbal Ricardo Montoro Romero -superministro de Facenda e Función Pública no actual goberno das Españas-, quen tomou nota de inmediato daquel que protagoniza a estrela do Real Madrid e decidiu, xa que logo, actuar en consecuencia: "vaia; que, ademais de defraudador, este ghicho vai de xogantín? Pois si que a leva clara conmigo, o portuguesiño!", seica declarou o moi inefable gran recadador patrio. "Balóns de ouro? Voulle dar eu a ese paraísos fiscais e malos exemplos!"

Traducido: vivimos nunha sociedade adulta, multicultural, multitransversal, multiforme, multicolor, multinacional, multipredisposta... na que nin sequera os cativos máis cativos xa se asuntan por nada. Nin "cocos/cocas", nin "homes do saco"; lonxe de nós "sacauntos", "gatipedros", "maruxainas" ou "olláparos": aquí ninguén toma nada de nada en serio -moito menos, entón, o contido dos anuncios da TV- incrédulos, volterianos e e revoltés en que viñemos devir. Xa que logo, a santo de qué semellante rebelión das masas?

Pois semella clara, a resposta. Miñas donas e meus señores anunciantes da ludopatía legal do Estado español: saiban ben que, malia toda a descrenza laicista que nos invade; moi a pesar dos repetidos engados, argalladas, artificios e andrómenas mil a que este país de países, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adunxtos se ve sometido día si e día tamén....; malgré tout ce qui s´est passé -que dirían/escribirían os veciños gabachos- aínda hai certas cousas coas que non se fan coñas en España: en consecuencia, se o turrón ha de ser turrón; se o cava ha de ser cava; se o cordeiro -e o marisco, e o bacallau...- ha de ser cordeiro e etc; se os Reis Magos teñen de ser tres e dous deles con barba; se os cuñados/as han de comportarse como cuñados/as e recibiren, en consecuencia o seu xusto merecido... En fin, se o Nadal ha de ser Nadal, o xogo patrio ha de ser asemade xogo patrio! E vale que o único que se pretenda co anuncio televisivo de marras é facer ver que o importante non é gañar, senón manter viva a ilusión, alimentar os bos sentimentos, fomentar a solidariedade e a amizade entre familiares e conveciños e bla, bla, bla..., pero... Pero hai cousas que sonmoi sagradas nesta vida! Polo tanto, e disimulen Vdes. o oxímoron que xa segue, coa lotería... Quietos/parados!: coa lotería de Nadal non se xoga! A que non, Dna. Carmina?

Compartir el artículo

stats