Despois do aluvión de noticias, comentarios, opinións e parabéns do resultado da nosa comunidade na mostra de PISA de 2015, é o momento de poñer "sentidiño", palabra constantemente utilizada polo noso conselleiro de Educación, e que nos vén ao pelo para a ocasión. E referímonos a eles, aos nosos gobernantes que son os que deben aplicalo xa que na algarabía da noticia escoitei con estupor unhas verbas do noso máximo representante educativo en Galicia que me deixaron francamente preocupado, nas que aseveraba textualmente "está demostrado que tendo menos recursos temos mellores resultados", palabras que me recordaron a vella canción do exministro Wert que non se cansaba de dicir que "con menos se fai máis"; craso erro: menos obreiros nunha obra, retraso seguro, menos diñeiro menos compras, menos ingredientes: tortilla máis pequena... menos profesores e menos recursos aseguran peores resultados. Non é certo que con menos faise máis, está demostrado no informe que os países que máis apostan polo ensino son os que encabezan o ranking, onde o profesorado ten un maior recoñecemento laboral e profesional, onde a inversión do PIB educativo é maior, onde teñen desenrolada unha carreira docente, alá onde teñen unha lei de financiamento do seu ensino, eses son os países que encabezan a mostra.

Dicimos "sentidiño" xa que PISA non fai as mesmas preguntas en todos os países, nin co mesmo nivel de dificultade e todos sabemos ben que non é o mesmo un Celta-Barcelona que un Celta-Rápido de Bouzas; PISA pasou de ser unha ferramenta de diagnoses de debilidades e fortalezas dos sistemas educativos a converterse nunha competición entre países.

Pearson, a editorial británica, logrou o contrato das probas PISA 2015, que por certo pagan os ministerios de Educación dos países examinados, e acadou tamén a exclusiva da creación da plataforma que a sustenta. Pearson non só redacta as probas, tamén as corrixe e aporta ferramentas informáticas aos ministerios de Educación para que poidan analizar o rendemento en tempo real.

Como homoxeneizar os datos recollidos a nivel mundial? PISA utiliza un complexo sistema matemático chamado "método de avaliación RACH" moi discutido por prestixiosos matemáticos que din que está infestado de erros.

Por todo isto, de novo "sentidiño" e aproveitemos o debate dos resultados tan favorables da nosa comunidade para poñer de manifesto que o falso debate dos deberes escolares por parte de Ceapa debemos deixalo atrás agradecendo aos pais galegos que confiasen en nós e non cuestionasen o noso traballo xa que esta proba demostra que a nosa profesionalidade nun momento de grandes recortes de dereitos económicos, dereitos sociais e dereitos laborais está por riba de todo. Queda pois demostrada a nosa dedicación e profesionalidade.

Sería bo aproveitar o debate dos resultados PISA 2015 para ver cal é a situación real do noso sistema educativo, das condicións de traballo do profesorado, da participación das familias e do aproveitamento que fan os nosos alumnos do ensino que reciben, pero tamén sería bo valorar si merece a pena consumir tanta enerxía nunha proba que non analiza todo o sistema educativo da nosa comunidade, senón que se centra na medida de competencia dos rapaces e rapazas de 15 anos, competencias que dependen pouco dos sistemas educativos implantados en cada país. As competencias que alcanzan estes rapaces dependen doutros moitos factores que se van afianzando ao longo do seu proceso instrutivo.

Desde ANPE vimos esixindo que a educación sexa unha verdadeira prioridade política e social que nos permita abordar en profundidade os cambios e as reformas que necesita o noso sistema educativo precedido dun Pacto de Estado que dé estabilidade e cohesión ao sistema educativo. Ese pacto debe acordar as cuestións básicas do seu modelo e estrutura, financiamento, organización, avaliación... para lograr, en definitiva, un sistema educativo recoñecible, vertebrado e cohesionado que impulse unha educación de calidade para todas e todos e que asegure o principio de igualdade de oportunidades en calquera parte do territorio nacional.

Rematar dicindo que é ineludible mellorar a profesión docente, buscando un sistema de selección, formación e recoñecemento económico e profesional e loitar por acadar dunha vez por todas unha verdadeira carreira docente. Aínda así, a profesionalidade dos docentes no noso traballo día a día nas aulas salvan as deficiencias do sistema educativo e son o principal factor da mellora destes resultados que agora reflicte PISA 2015.

Parabéns a toda a comunidade educativa e "sentidiño" aos nosos gobernantes, moito sentido común que precisamente é o menos común dos sentidos.