Un teórico do posmodernismo falou da fin da era dos Grandes Relatos. Tratábase do uso da ficción histórica para fins políticos baixos. A utilización da narrativa para obter o lucro é parte do oficio dos timadores ou estafadores educados na Universidade Española de Cascorro, que tivo campus estacional na terceira galería de Carabanchel.

A estafa precisa, pois, dun relato e, necesariamente, duns hulais dispostos a tragar o anzó. Por iso, os malandros de Madrid chaman "cuento" á fábula que é libreto de cada un dos timos. Xorde a taxonomía canalla subxenérica: "cuento de las estampitas", "cuento del nazareno", "cuento del pasma full"? Igualmente, os homes de vida pódense arrancar co "cuento chino", de dispoñeren para a escenificación dun consorte ou punto de raza oriental, o cal finxirá ser depositario dalgún enigmático tesouro ou alfaia. Fagan memoria e relembren os "burladores" do relato famoso de don Juan Manuel.

Cóntannos que enigmáticos chineses quérenlle comprar o Celta ao seu actual dono. Este, para salvar o clube, esíxelle á cidade que lle venda a el o campo de fubol de Balaídos, que é de propiedade municipal. O dono do Celta, xa dentro do relato, ameaza a cidade con marchar co clube para as Gándaras de Budiño, ou cecais a Salceda de Caselas.

O dono do Celta, despois de gozar dunha feliz situación na que se vén beneficiando de Balaídos sen lle pagar arrendamento á cidade de Vigo, quer agora ser tamén o amo do estadio para lle extraer el, e por si, rendemento económico pleno senón, o Celta deixará de ser de Vigo. Porque o episodio climático do relato é aquel no que o actual dono di que lle vende o Celta aos chineses. Chineses que ninguén viu pero que se introducen na fábula con perfís terroríficos nos que os máis vellos percibimos os bigotes e o rostro de Fu Man Chu.

Velaí o "cuento chino" aliado coa pantasma do perigo amarelo. En realidade, o que moitos desexamos é que o concello conserve a propiedade do campo de Balaídos e que lle cobre, a un Celta privatizado e con ánimo de lucro, o aluguer xusto.