Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Profesora titular do Departamento de Economía Aplicada Universidade de Vigo

As potencialidades do rural galego

Os procesos de desagrarización que se produciron desde os anos 60, levaron a unha profunda transformación dos espazos rurais, tanto no que se refire ao seu uso para desenvolveren a súa tradicional función produtiva, como no xeito en que a poboación se relaciona con eles. A consecuencia máis evidente desa transformación é o abandono de gran parte do territorio, especialmente de terras agrícolas que deixaron de cumprir con esa función tradicional, un luxo que como sociedade non nos podemos permitir. É preciso recuperar, onde sexa posible, esta función e facela compatible coas novas demandas da sociedade e é aí onde xorden oportunidades para a diversificación da base económica dos espazos rurais. Neste sentido en Galicia contamos cun gran potencial que deriva das nosas condicións edafoclimáticas, da biodiversidade vexetal e animal, da paisaxe e riqueza patrimonial, elementos todos eles clave para poder diferenciarnos e ser máis competitivos en moitos ámbitos dos que non estamos sacando o debido proveito.

O noso territorio ten unhas condicións óptimas para determinadas producións das que, nalgunhas, Galicia é deficitaria. Un exemplo témolo na horta, produtos ben valorados polos consumidores, demandados pola distribución, cun mercado ecolóxico en crecemento, e na que xorden oportunidades para diferenciármonos con variedades autóctonas, vinculadas ou non a IXPs, que recuperan sabores tradicionais. Estas condicións tamén se dan para a planta ornamental moi valorada nos mercados exteriores, nos pequenos froitos e nas plantas aromáticas e medicinais con demanda crecente por parte da industria alimentaria, cosmética e farmacéutica. O sector da oliveira, que está dando os seus primeiros pasos, ten percorrido e pode tirar da experiencia do sector do viño, que cun enfoque de produción local e diferenciada, é hoxe o sector máis dinámico da economía agraria.

No eido da produción animal temos marxe para mellorar a nosa competitividade reorientando os modelos produtivos cara a modelos extensivos que levan a unha maior ocupación do territorio, evitando o abandono e as consecuencias económicas e sociais do mesmo. Tamén aquí temos oportunidades para a diferenciación con razas autóctonas, algunhas moi valoradas noutras latitudes pola calidade da carne e con posibilidades de comercialización na canle horeca e gourmet.

En todos os ámbitos do noso agro é preciso impulsar a transformación industrial, a diversificación das producións cara a produtos de maior valor engadido, a innovación, o aumento do tamaño das empresas e a internacionalización. Todo isto pode facerse empregando a marca Galicia como sinónimo de calidade agroalimentaria. A transformación industrial e a conexión cos mercados internacionais, adquire especial importancia para o futuro do sector leiteiro, base da nosa especialización produtiva.

O aproveitamento da multifuncionalidade dos montes, a diversificación de especies forestais, o avance na ordenación e xestión forestal e nos procesos de certificación e a industrialización, ofrecen oportunidades para mellorar o valor engadido dos produtos forestais e o valor social dos montes. A diversificación de especies, ademais de mellorar a calidade e diversidade dos montes, favorece outras oportunidades de negocio como a de produción de toneis de carballo procurados por destilerías irlandesas e escocesas, ou de cogomelos e outros froitos do bosque, como as castañas, que a través da súa transformación industrial son comercializadas como produtos delicatessen en mercados afastados, como o xaponés ou o ruso.

O mantemento dos espazos rurais vivos, a conservación das áreas naturais e do patrimonio cultural, son a base para o desenvolvemento turístico. O turismo rural, enolóxico, gastronómico e termal deben completarse cunha oferta de ocio complementaria que axude a desestacionalizar a actividade e, sobre todo, deben concentrarse esforzos en captar segmentos turísticos no eido internacional de maior capacidade adquisitiva. Ademais en Galicia contamos con outra vantaxe competitiva, xa que, por comarcas profundamente rurais e con problemas de despoboamento das catro provincias, pasan os oito camiños da ruta de peregrinación máis antiga de Europa e a máis concorrida, o Camiño de Santiago, con fortes incrementos do número de visitantes e con previsións de crecemento futuro, que sen dúbida son unha fonte de oportunidades.

O asentamento doutras actividades económicas non agrarias no rural, a aposta por sectores sen desenvolver, como os da economía circular ou a bioeconomía e a xeración de enerxía de fontes renovables (biomasa ou eólica), tamén son claves para a diversificación económica e para a xeración de riqueza e oportunidades no rural. Para manter un rural atractivo é preciso unha ordenación dos usos do territorio, concentrar servizos públicos e privados nas vilas e cabeceiras de comarca, dotalo de banda ancha, mobilizar terras, apoiar o emprendemento e simplificar trámites na creación de empresas, entre outras moitas cousas.

Como sociedade temos por diante moito traballo, debemos mirar cara o rural como fonte de oportunidades. O rural non é atraso, algún diría que xa nunca o foi. Esperemos que nesta lexislatura que seica vai ser do rural, a administración poida sentar as bases e crear as condicións para transformar os espazos rurais e entre todos, sacar deles toda a súa potencialidade.

Compartir el artículo

stats