Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Bebés embute

Houbo un tempo no que en Galicia non nacían bebés. Unicamente viñan ao mundo nenos, "niños", mociños (en Cangas), meniños, cos correspondentes femininos. En toda a cidade de Ourense non había máis ca un bebé. Este era o fillo do matrimonio Dainoff, dentista ela e máis el.

Os Dainoff eran de orixe rusa. Os fotógrafos Scherek, alemán, eran os únicos ourensaos que facían árbore de Papá Noel. Os Dainoff chamaban a atención por lle chamar "bebé" ao seu fillo. No 1936 os Dainoff foron perseguidos por seren de ascendencia rusa e xudía, o que para a Falange Orensana e para o gobernador militar Soto constituía unha pésima mestura. Fuxiron, pois, os Dainoff. Nos anos cincuenta do século XX regresou, con saudades, o bebé Dainoff, xa maior e convertido en médico. Recobrou Bebé vellas amizades e abriu consulta, quizais pe' do Parque de San Lázaro. Un dos Lanchas (coido que foi) sentiuse un algo mal e tiña engullo despois de dar a visita diaria á tasca do Bimba, non sei se en Lepanto ou nos Fornos. En todo caso non lonxe da porta Norte da Catedral que, antes, copiara en miniatura o Baltar en cachos de "cielorraso" a punta de navalla. Non sei se era un Lanchas ou un sobriño das Buratas de fronte ás Xosefinas. O caso é que dixo: "Encóntrome mal e vou ir onda o Bébe para que me vexa por raios".

No Ourense do tempo daquel Lanchas (ou Buratas) o único bebé, ou Bebé "par excellence", era o fillo dos Dainoff, doutor Dainoff el mesmo ao regresar ao Ourense no que nacera despois de negro exilio. Actualmente só nacen bebés, pero esta palabra non tiña lugar nunha conversa adulta do meu tempo e só aparecía, se tal, nas películas. Por exemplo. Cando eu estudaba en Compostela, os alumnos de Medicina soían chamarlle, na súa xiria, "Niños" á asignatura que oficialmente recibía o nome de Pediatría. Estamos? Poise u ouvíalle decer sempre aos meus colegas de Medicina así: "Quedoume pendente "Nenos". Ou así: "Estoy chapando porque mañana me examino de "Niños".

Nunca un estudante galego de Medicina que despois fose médico de mulleres naquela xeración pronunciou a palabra "bebé", que nos soaba un tanto ridícula. Ridícula resúltame a min aínda cando oio no televexo naturalista falar de "bebés balea" ou de "bebés gorila". "Un chaviño, se non morre o miniño", berraban os rapaces de Marín á porta da igrexa onde había bautizo por que o padriño lle botase patacóns á rapañota. Non os imaxino trocando "miniño" (sen xénero aínda) por "bebé" (permanentemente asexuado).

De maneira que quedei sorprendido, por non decer escandalizado, ao ler nos xornais que os arqueólogos acharon na necrópole da Lanzada, onde este cronista traballara como voluntario de rapaz, uns esqueletos de "bebé".

A próxima noticia pode vir da Igrexa Católica, que chegue a trocar o nome de Neno Xesús polo de Bebé Xesús nas inmediatas festas de Nadal. Estaríalles boa.

Compartir el artículo

stats