A Asociación Adellís quere, en primeiro lugar, manifestar o seu fondo pesar polo pasamento de Fran Pérez Narf, pola dor que estará a pasar a súa familia, pola súa vinculación a Silleda, onde naceu, e pola súa calidade humana. A perda dun ser querido sempre nos recorda o inxusta e inexorable que chega a ser a morte, pero ao mesmo tempo tamén nos debe facer pensar na vida e o sentido que lle damos; iso precisamente é o que queremos recordar de Fran: dedicouse con total entrega a aquilo que o enchía e no que cría: a música. A música,coma calquera das artes, é reflexo da personalidade de quen a crea e Fran deunos unha música transformadora e de vangarda, cambiante, experimentadora, valente ao fin. É importante para todos nós o seu compromiso co galego e coa lusofonía, pois dámonos conta de que entendeu que ese compromiso cos seus materialízase en primeirísimo lugar na nosa lingua, que tamén é canle de expresión artística. Séguese pois disto que Fran coñecía o significado da expresión, tan utilizada como pouco entendida, "a cultura galega". Dende estas conviccións resultou que foi quen de traballar pola cultura galega dende unha perspectiva nacional, incardinando unha persoal expresión artística coas características máis nosas. Fixo o que desexa calquera artista: identificarse coa súa realidade e reflectila no seu traballo.Gústanos saber que recordaremos Fran aquela fermosa noite de novembro do 2014,coa súa música e as castañas no Recanto,no que foi o seu reecontro coa súa vila de nacenza. Unha noite na que o sentimos moi cerca de todos nós.

"...os amiguiños levábano. Non pesaba nada." (Luis Pimentel)