Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

O tríscele do Real Club Celta de Vigo

No pasado mes de outubro lin no FARO DE VIGO unha noticia peculiar. A "Unión de Federacións de Fútbol Europeas", a UEFA, obrigaba a esconder o tríscele da camiseta do Celta de Vigo, símbolo que lucía dende o ano 2010. Posteriormente, este mesmo novembro, volve a admitilo, se ben cun permiso especial. Teóricamente fora vetado por non cumplir unhas determinadas especificacións en relación coa súa forma e tamaño, aínda que a decisión inicial poidera ter relación coa aplicación do artigo 16.2 do seu código disciplinario, que prohíbe "o uso de xestos, verbas, obxectos o calquera outro medio para transmitir calquera mensaxe que non apto para un acontecemento deportivo, en particular as mensaxes que son de carácter político, ideolóxico, relixioso, ofensivos ou de natureza provocativa".

Se así fora, sinceramente descoñecemos que pode ter de "político, ideolóxico, relixioso, ofensivo ou de natureza provocativa" un simple tríscele na traxectoria dun club que luce con orgullo as cores da bandeira galega e que -segundo afirma a tradición celtista- gañou deportivamente o dereito a incluír a cruz de Santiago no seu escudo fronte a outros equipos galegos. Agardamos en todo caso que nestas verbas non trasluza a nosa querencia "celeste", aínda que ésta sexa manifesta.

Supoño que a UEFA o interpretaría como un símbolo ultradereitista máis, pola súa semellanza con motivos propios destas ideoloxías. Aínda así, non queremos entrar agora nas prohibicións do uso de determinados símbolos por causa de abusos cometidos baixo as súas sombras no pasado. Quizá o exemplo máis evidente fora o da cruz gamada, con carácter sagrado en diversas culturas do planeta, despois utilizada polo Nationalsozialistische Deutsche Arbeiterpartei ('Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores'), máis coñecido como partido "nazi" pola abreviatura de nationalso-zialistische. Este, como é sabido, tomou o símbolo de antigas representacións espalladas polo mundo e que, nalgúns casos, poden remontarse á Prehistoria. Existen outros que pasan desapercibidos hoxe en día, rescatados por movementos autoritarios actuais. É o caso das runas ou das cruces célticas

Aínda así, se foramos tan mirados con esto da utilización dos símbolos, non quero nin pensar que ocorrería agora se fose prohibida a cruz latina por haber estado representada no escudo do "Tribunal del Santo Oficio de la Inquisición", xunto coa rama de oliveira e a espada. Pregúntome cantas representacións heráldicas quedarían vedadas por causa dos máis que cuestionables métodos aplicados pola institución fundada polos Reis Católicos. Ou que se prohibise a representación da lúa crecente coa estrela ou as azoras caligrafiadas polo abuso que dunhas ou outras puderan facer fanáticos violentos do Islam.

O tríscele é un dos motivos característicos representados na plástica dos habitates dos castros, na escultura pétrea dos poboados galaicos do noroeste, representantes da chamada Cultura Castrexa. En ocasións aparecen con máis de tres brazos e acompañados doutras manifestacións ornamentais, como as rosáceas, as figuras humanas e de animais, ou as decoracións xeométricas de entrelazos e sogueados.

Aínda na actualidade non está suficientemente aclarada a orixe cultural deste tipo de pezas. Para uns investigadores, cuxa figura máis visible é Francisco Calo Lourido, serían creacións que teñen lugar despois da conquista romana, frorecendo no decurso do século I d.C. Seguindo a autores como Alberto Balil Illana, consideran a escultura castrexa como arte provincial romana, con función meramente decorativa e carente dun significado simbólico.

Outros, sen embargo, defenden a orixe claramente castrexa, obra dos galaicos, e remontando estas creacións ao século IV a.C.. Seguramente a maioría destes motivos, entre os que se inclue o tríscele, tería a súa orixe nas fases plenas da Cultura Castrexa, pero con raigañas nos inicios da Idade do Bronce. Así, nos petroglifos ocasionalmente aparecen esvásticas e ou trísceles, como no de Portela da Laxe de Viascón (Cotobade) ou nos de Tourón (Ponte Caldelas), os dous na provincia de Pontevedra. Mesmo poderiamos remontar o tríscele ao Neolítico, se temos en conta a representación no colosal megálito de Newgrange (Irlanda), do IVº milenio BC.

Son eses motivos simbólico-ornamentais parentes de elementos como o "lauburu" (catro cabezas) vasco ou do "cuatrefuellas" aragonés, deseños amplamente representados no norte da Península Ibérica.

Se pescudamos no pasado do mundo mediterráneo non é difícil atopar elementos semellantes na antiga Grecia e na súa zona de expansión (Creta, Micenas, etc.). Mesmo aparecen representados trísceles en lugares tan afastados como Xapón ou o Tíbet.

Carácter astral

Sen embargo, o asunto da simboloxía que poden agachar é, aínda hoxe, moi esvaradío. A maioría dos autores, con moitísima precaución, propoñen un significado de carácter astral. A súa forma así semella suxerilo. Os brazos do tríscele teñen apariencia de lúas, mentres que a composición global poidera asimilarse co astro rei radiante. Esa alternancia lúa-sol, probable símbolo de noite-día, unida ao aparente movemento xiratorio que domina a forma, imprimiríalle un sentido cíclico. Se así fose, podería representar un poderoso símbolo de secuencia ininterrompida. Máis aínda se o asociamos á tríada, número sagrado que se repite constantemente nas relixións indoeuropeas, como ben identificara Georges Dumezil.

Como ven, o tríscele nada ten que ver en orixe coas ideoloxías totalitarias, neste caso de ultradereita, xurdidas no século XX aínda que, segundo vimos, puideran utilizalo xunto con outros símbolos gráficos do pasado como elementos identificativos dunha pretendida identidade indoeuropea ("aria") e que na actualidade ocasionalmente aparezan bandeiras imitando á enseña nazi, tan só substituíndo a cruz gamada polo tríscele, segundo teño visto en Internet.

De feito e sen que teña nada que ver co que vimos de dicir, aparece o tríscele baixo diversas reinterpretacións nas bandeiras da Illa de Man ou na de Sicilia, por poñer un exemplo. No primeiro caso está formado por tres pernas protexidas pola parte correspondente da armadura. No escudo de Sicilia son tamén tres pernas, neste caso núas. No punto de unión sitúase a cabeza de Medusa alada e tres espigas de trigo formando outra composición a modo de tríscele.

En Galicia nos últimos anos foi utilizado pola coalición electoral denominada Unidade Galega, formada polo Partido Socialista de Galicia, o Partido Galeguista e o Partido Obreiro Galego no ano 1979.

Cun significado moi distinto tamén se emprega como imaxe corporativa de institucións actuais. Vexan se non o emblema da Universidade de Vigo, no que a oliveira viguesa experimenta unha metamorfose para converterse nun tríscele, símbolo dos tres campus universitarios, Ourense, Pontevedra e Vigo, dependentes daquela.

Por se acaso as prohibicións se estenderan máis alá do fútbol, ensinarémoslles a debuxar o seu propio tríscele simple, por se o queren reproducir nun lugar que lles apeteza. Decátense de que só utilizaremos composicións circulares, polo que unicamente precisaremos dun compás e unha folla de papel para sacar o patrón.

Comezamos cun simple circo (I) trazado dende un centro a). O diámetro será exactamente a metade do tamaño do tríscele que queiramos obter. Co mesmo diámetro inicial, debuxaremos outros seis circos, situando a pica do compás no borde da circunferencia inicial. Vexan como os novos circos que sucesivamente se xeneran (II e III) van interceptando o inicial, formando nel seis puntos equidistantes e contactando no seu centro a).

Finalmente, volvendo a ese mesmo punto central a), trazamos outra circunferencia cuxo diámetro sexa exactamente o dobre dos anteriores, o que nos vai pechar e conter a composición (IV). Cubrindo de cor as áreas axeitadas, obtemos o tríscele, que segundo queiramos, pode ser dextróxiro, con movemento aparente cara á dereita, ou levóxiro, se o ten á esquerda. Se optamos por colorear diferentes sectores da composición, atoparémonos con outras figuras, como a rosácea, elemento tamén moi común nas carpinterías da arquitectura ou da ebanistería populares, como tamén o foi da plástica castrexa no pasado.

Xa teñen o seu tríscele particular. Poden utilizalo sen medo a que lles asocien cun partido político determinado, por moito que algúns, incluída a UEFA queiran regalarllo a uns grupos ideolóxicos concretos. Como arqueólogo sinto unha enorme satisfacción cando vexo que as xentes recolocaron trísceles nas paredes das súas casas, seguramente procendentes de castros das proximidades, exhibíndoos con orgullo nas rúas das aldeas como unha peza meritoria do pasado. Percorran os nosos museos e disfruten dos alí conservados, moitos cunha coidada execución que os dota dunha beleza acentuada pola sinxeleza do propio motivo. Recoméndolles o tríscele calado de Castromao, no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, ou os do Museo de Santa Tegra.

É certo que están presentes en moitas partes do planeta. Pero tamén forman parte da representación simbólica do noso pasado, especialmente durante a época dos castros, que territorialmente se estendeu sobre todo pola Gallaecia lucense e bracarense, unha das culturas formativas da Galicia de hoxe. Sen dúbida ese é o significado que agacha o tríscele do Real Clube Celta de Vigo.

(*) Arqueólogo municipal de Ourense

Compartir el artículo

stats