Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

E ti, por que o fas?

O deporte, para algúns un método de evasión, de reseteo, de disfrute e de poder desintoxicarte do que supón o día a día dunha civilización moderna. Para outros, simplemente ocio, e nalgúns casos ata unha carallada na que perder tempo. Pero a ninguén se lle pasa pola cachola o importante que pode ser para unha sociedade carente de valores, valores que noutros tempos se nos inculcaban, tales coma o respecto, a disciplina e, sobre todo, o esforzo. Si, o esforzo e a constancia, porque parece que so merecen a pena aqueles deportistas que conseguen éxitos, pero qué maior éxito conseguido que aquel que supón facer dun rapaz inocente un adulto con valores fortes e de cooperación?

Todos eses valores que agora se están apartando porque o único que nos interesa é a meta, o fin, sen pensar no que queda atrás para conseguila. Cantas horas quedan atrás adestrando con choiva e frío? Cantos días que non apetece e que apagamos a centralita do corpo e decímonos hoxe vou adestrar igual ainda que non me apeteza nada? Eses intres, ese camiño percorrido é o que nos marcará o resto da nosa vida, xa que levaremos grabadas con lume dúas leccións importantísimas: Nesta vida todo custa, e non todo sae como un quere. Porque sí, porque ás veces esforzaste ó 200% e o resultado non chega. Pero non nos equivoquemos, o resultado chegará, non chegará se se quere conseguir a curto prazo, haberá que esperar e ser pacientes, e seguir adestrando e esforzándonos e mantendo a ilusión como se fora o primeiro día, pero acabará chegando.

Pero que está pasando hoxe en día con todos estes valores con todo o que estamos a ver, xente que sendo amateur se dopa, xente que fai trampas co simple feito de levar unha chapa para a casa, pais e nais que berran dende a banda dun campo ó seu fillo para que non pase o balón a un rapaz que xoga peor ou insulta a un colexiado diante de nenos, pais e nais que lle din aos seus fillos como xogar e que non lle fagan caso aos adestradores, xente que busca remedios rápidos para mellorar correndo, para adelgazar rápido, etc. A sociedade do quéroo e quéroo xa!

Ou, por outro lado, todos aqueles que comezan, porque, sí, todos comezamos algún día, e se marcan obxectivos fóra das súas condicións actuáis. Porque se non fago unha maratón non son un atleta, e se non fago un ironman non son un triatleta, se non fago 200 km. en bici non son ciclista. Pois dígovos algo: Aínda que fagades todo iso, tampouco ides ser deportistas, ou polo menos para min, porque para min ser deportista amateur é algo máis que grandes retos, é ser honesto cun mesmo e coa xente que tés preto e é ter uns valores dentro e fóra do teu deporte, e, sobre todo, ser fiel a eles. Primeiro, eu fago o que fago porque me gusta e contra quen primeiro compito é contra min, pero sempre sabendo en que lugar estou e sen perder a cachola, porque eu sigo a ser o rapaz de Catasós que se ergue para traballar pola semana, e que fai isto de forma amateur porque lle gusta e que ten unha familia e uns amigos. E, sobre todo, sigo a apreciar máis a aquel que se esforza día a día ainda que nunca se suba a un podio, que a moitos dos que sempre rematan no máis alto do caixón. Porque na miña casa sempre se dixo: Se se quere algo, hai que sachalo, e hai que ter paciencia e, sobre todo, non se pode pisar a ninguén para conseguir o que un quere.

Moita xente, ao ler isto, estará pensando a que vén todo isto. Pois, sinxelamente, vén agora por todo o que está pasando esta tempada a nivel político e social (Trump, Rajoy, a nena morta por unha inxesta masiva de alcol, mortes o fináis de carreiras populares). Pero tamén porque se achega o nadal e con elo as notas dos rapaces e os castigos dos que non teñan bos resultados, dos cales moitos deixarán de ir adestrar.

Temos que comezar a ver o deporte máis aló dun simple entretemento e comezar a ver o que realmente é, unha ferramente para crear unha sociedade con criterio e con valores: Futuros cidadáns. Persoas.

*Deportista de Lalín

Compartir el artículo

stats