Traducido ao román paladino, no que adoita falar o pobo co seu veciño no NO peninsular ibérico, velaí o estado da panorámica que se debuxa logo do acontecido durante a xornada do, inesquecíbel, martes, 9 de novembro da era cristiá de 2016 da outra beira do océano Atlántico: isto é, a data na cal Mr. Donald John Trump resultou vencedor -contra urbi et orbi?- das eleccións presidenciais celebradas no Imperio Romano, digo nos todopoderosos Estados Unidos de América e colonias varias, c´st à dire l´Otan e departamentos adxuntos.

En efecto, andan os representantes dos representantes dos representantes; as terminais das terminais das terminais absolutamente alporizados, encrespados, enxalzados... ao borde mesmo dun ataque xeral de nervos contemplando como o ilustre tocaio, sosias, do parrulo antropomórfico máis celebrado do mundo mundial vai ocupar en breve o esquinado recanto do Oval Office: isto é, ese mesmo territorio onde, noutrora, William "Bill" Jefferson Clinton e mais Monica Samille Lewinsky celebraran as súas batallas de amor (oral) e campo de pluma que dixera no seu día D. Luis de Góngora y Argote: "Que siendo Amor una Deidad alada/bien previno la hija de la espuma/ a batallas de amor campo de pluma." Amén.

Volvermos poñer en funcionamento, xa que logo, os refuxios nucleares? Levar a termo un acopio de pias e lanternas, latas de conservas, leite condensado, testos de marmeladas varias e, sobre todo, metros e mais metros de papel hixiénico? Repasarmos as obras completas -sempre devén un pracer, iso si- de John Le Carré? Verán Vdes: Tiberio, Calígula, Nerón, Galba, Vespasiano....; certamente, a historia non refire, precisamente, marabillas marabillosas verbo de ningún deles. Pois ben; a pesar de semellantes conxunturas e insensatos poderosos, e como moi ben soubo referir Indro Montanelli, o certo é o Imperio soubo manterse aínda en flotación durante décadas e décadas e máis décadas: de feito, moitos servizos estiveron mellor organziados naquela hora difícil que, por exemplo, no transcorrer da Europa do século XVIII. Polo demais, cando a crise mergullou Roma nun episodio de crecente desconfianza, a periferia entrou en estado de diarrea arreo: unha situación aparentemente insostible que acabou demostrando que a deflación no resulta moito mellor que a inflación: os bancos, como outrora a enerxía, nin se cran nin se destrúen; simplemente, entran en transformación.

Polo tanto, é probable que se trate, despois de todo, dun puro e duro episodio de Broadway, Hollywood e/ou Las Vegas: un clown en pura fantasía/delirio en technicolor, efectos especiais e sistemas dixitais en 3D. Máis cedo ou maís tarde, señores e señoras, o sistema acabará por asimilado, deglutilo, metabolizalo...; claro que tamén pode ser que, antes diso, haxa unhas cantas ducias de figurantes, simples extras inocentes... que paguen, sen querelo e si ou si, os pratos rotos de tan ruín e obscena esmorga como vai: realmente, un mondo cane!

É que non hai ninguén? É que acontece que, antes de que algo de veras substancial poida suceder, cómpre que a coctelera entre en éxtase? Até cando algúns agardan para considerar que non se trata de fogos de artificio? Brexit, Marine Le Pen á espreita... seguirá Europa -e España e mais Perejil adxuntos- a habitar nos "anos bobos"? Confundidísimas, como van, entre a xeografía e mais a economía, as forzas do progresismo parecen incapaces de comprender, de reflexionar, de aceptar, de retrucaren...; así as cousas, perante a tolemia desatada dun capitalismo silvestre que xa non precisa da pantalla da democracia formal para perpetrar o seu desatino, tan só os neofascismos parecen ser quen de ofreceren unha alternativa. Para alén de complexos; máis aló da idolatría do socialmente correcto; reciclando o odio crecente diante da pasividade criminal das elites económicas e políticas; debullando na saudade dun tempo infeliz, pero (aparentemente) sinxelo... Donald Trump cabalga nos brancos/vellos cabalos que D.W. Griffith axeitara para "O nacemento dunha nación", o Klu Klux Klan sempre á fronte.

"A situación é desesperada, pero non grave" declara Otto Ludwig Piffl no impagable film -"Un, dous, tres", desde logo, de Billy Wilder-.Traducido outra volta ao romance do NO peninsular: xa veremos, maloserá. As borrascas, é certo, entran polo Atlántico; o anticiclón dos Azores, tamén.