Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Sabotaxe aos marcos da Raia

Pensaba eu, facendo a rota por Outeiro de Égoas á Mota Grande, xusto onda os marcos que partiron o noso reino con Afonso Henriques no século XII, que unha das tarefas que lle pertencen a Villares como xefe da oposición no Parlamentiño é explicarlle ao conservadorismo español que Galicia garda no Fondo dos seus Espellos unha axenda reivindicativa en política internacional. O punto un da nosa política internacional é o da abolición dos marcos da Raia Seca e das liñas misteriosas que nos separan de Portugal no medio do río Miño sen que nin as lampreas nin os salmóns nin o meixón se decaten da situación que xa vai contanto os novecentos anos de fronteira indesexábel.

Galicia, a Galicia mínima e insuficiente que representa a Xunta, tén a obriga de sabotear a nosa fronteira con Portugal, con detrimento de España e da historia de España que, neste e outros puntos, nos esmaga e limita aos galegos. As castes de uva dan exemplo. Dunha banda e da outra da fronteira hai albariño, como hai espadeiro trixadura, loureiro, e outras marcas anteriores á independencia de Portugal e á sumisión de Galicia a Castela. Digo que Villares, voceiro de En Maré, debería exercer a súa función de membro do partido máis votado da oposición ao partido predominante na autonomía galega. Seguramente, Villares faráo, e fará uso debido dun privilexio do cal goza. El é o de comandar un partido, sumamente vario na súa composición, que ten unha inmensa vantaxe sobre o partido do goberno autonómico e tamén sobre os outros dous partidos da oposición no Hórreo.

A vantaxe do partido de Villares consiste en que nel militan individualidades ben poderosas en corrente de fluvialidade complexa que, do ponto de vista intelectual, poden aportarlle ideas de innovación radical ao grupo parlamentar electo. A isto compre sumarlle outra bon galano que a En Maré lle proporcionou Fortuna, señora que, coa súa roda presurosa e cambiante, ás veces incluso favorece as victimas e os damnificados coma nós somos. Está Villares favorecido ao incluirse nun partido, En Maré, no que os nacionalistas conviven con outras mentalidades de esquerda española que, en totalidade inédita desde o Frente Popular de 1936, representan a primeira insurrección civil contra o réxime monárquico de 1977. Pode estar o amigo Villares seguro de que moitos dos presos e dos perseguidos políticos, non só do franquismo, senón tamén inxuriados e maltratados polo réxime borbónico vixente, pensan en Galicia que el está a representalos.

Polo tanto, o meu desexo é que Villares, e os seus compañeiros e compañeiras do Hórreo, escoiten e falen coa mesma voz coa que falou Xosé Manuel Beiras. O primeiro que eu pediría que lle pidisen a Villares e a En Maré é que reactive, á presa, a abolición dos marcos de pedra que separan as matas de toxo e de carqueixa (apátridas) entre Galicia (esmagada por España) e Portugal na Raia. Unha boa relación de En Maré co PCP, co Bloco de Esquerda e co PSP podía ser o principio dunha formidábel viraxe n ama derrota da Historia.

Compartir el artículo

stats