Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tradicións

Soutos, castiñeiros, castañas...Magostos

Ao tempo da vendima sigue, por aquí, o da esfolla das mazarocas de millo, cos seus desafíos e regueifas, a un tempo que o da castañeira, o de recoller os ourizos e espulgar as castañas. Tempo murcho, de encontro da vida co sobrenatural. Sabíao ben, cantábao e contábao o vinculeiro señor, con pazo no souto da bocarribeira de Trasalba, don Ramón Otero Pedrayo, autor, entre tanta obra, dun ramallo de relatos baixo o título de Entre a vendima e a Castañeira. Contos con base no real e entre as sombras da morte en terra de carpinteiros de ataúdes, da incerteza do Trasmundo, das benditas ánimas, das señas e das mouras dos tesouros dos castros... Acaídas páxinas que seguen tradicións célticas atlánticas de terror, axeitadas pra ler, a modo, quizais mellor na tarde, nunha solaina ou nunha galería, si acaso na compaña dun "dedal" de viño vello tostado, pra darlle gusto a tal barroca literatura. O tempo de don Ramón , como o de todo bo ourensán, era o outono e máis concretamente ese pequeno verán, cando a cornuda lúa devala e mesmo acomete á brillante estrela roxa Antares, a que aparece agora no firmamento. Tempo de agoiro pros celtas.

Días de novembro que aproveita ben a tradición, case sempre na compaña dun solciño ouridourado, manso que todo tinxe de barroco, baril pro encontro, pra facer festa e entón tamén feira, especialmente arredor das viandas e do mercado dos cabalos, motor do pasado. E velaí na Lucense as tan celebradas de Santos en Monterroso e na Bracarense as de Chaves, e cada vila ca súa, cando lle toca, días despois. Un xeito de prepararse ás portas da invernía.

Un e dous de novembro, festa dedicada a Todos os Santos e aos máis esquecidos da Corte Celestial, tamén festa dos Defuntos, cargada de cristianización, de arremedos á morte, aprendendo á inevitable convivencia coas súas sombras e co seu misterio. Facíase preparando os escenarios, adornando as casas con cabazas, mazarocas de millo, mazás de outono, grilandas de zonchos, sempre sementes e con outros inventos e importacións que poñen a proba o estado da cuestión cultural. Ben souberon recoller, aproveitar e mercadear coas súas vellas tradicións de outono os emigrantes a América do Norte, pra revivificar a culta tradición gaélica do Samaín (encontro no fin do verán) reconvertela en Halloween ( véspera dos Defuntos)... e veña , entre tanto comercio, influencias cinematográficas, da banda deseñada do xogo online, abusando da Liberdade, a soltar os anxos e os demos que levamos dentro.

Unha castaña, froito do castiñeiro, está preñada de significado e de futuro: semente dun novo castiñeiro que poderá ser madeira pra facer lume, pra construír trebellos, artefactos e arquitecturas, á vez que xermolo de milleiros de novas castañas, alimento pros humanos e pros animais, especialmente pros cochos, os que lle tocará agora o seu San Martiño das matanzas.... E a partir deso todo un universo de actividades, rituais, mitos, receitarios, segredos, contos, cantos... e con eles palabras, idioma... eis a cultura como o que un cultiva.

A castaña madura no outono, cae do castiñeiro envolta en espiñosos ourizos, todo un símbolo tamén. Foi base alimentaria pros galegos até partires dos anos da Ilustración e do comercio ultramarino cando é substituída pola mariña, pola pataca. As castañas espúlganse, tómase crúa, asada ou cocida. A súa industrialización pérdese no século XVIII, entón abundaban os sequeiros que deron topónimo a tantos lugares, espazos cubertos onde secar as castañas pra dar lugar ás noutrora tan solicitadas castañas secas ou pilongas, agora tan escasas. Nos anos oitenta, grazas ao industrial e ás ideas do ourensán Xosé Posada, quen puxo a proba tantos recursos do país, tamén abriu a novas posibilidades das castañas confeitadas, o "marrón glace", delicatessen tan no gusto centroeuropeo. Retomouse entón a calidade da castaña.

Abundaron os soutos en Galiza e moi de vello, especialmente no medievo, propiciados, xunto coas vides e as oliveiras, como "produto da terra e do traballo" pola misión bieita cisterciense e a teima do emperador galaico-leonés Alfonso VII, descendente de pai borgoñón, colaborador de San Bernardo de Claraval. Non nace espontaneamente un castiñeiro, nin se fan espontaneamente eses espesos e inmensos soutos que definen lugares nas ribeiras sacras humanizadas por aqueles homiños "ebrios de Deus"; no Courel , onde o souto é como un recinto sacro, cheo de vida e de lendas, por onde se moven os trasnos, as compañas, as mouras... Míticos, venerados castiñeiros vellos, retortos, superviventes, agromando en verde por algures, coas súas caracochas que serviron de acollida a persoas, a reliquias e a tesouros.

Castaña, así pois semente e froito pra celebrar e faise cando toca, nos Magostos, tan celebrados neste tempo e nese Ourense que couta e espalla tantas tradicións. Murguía asociaba esta tradición cos convites funerarios da antigüidade, xeito de vencellar a tribo coa súa memoria, cos devanceiros defuntos, faise arredor de piras de lume... Celebración tamén estudada por Risco, Cuevillas, Xoaquín Lorenzo, Taboada Chivite, Fernández Oxea, Antonio Fraguas.... "Magnus ustus", significa a "gran fogueira", outra entre as de tantas festas cíclicas, agrarias, cando os equinoccios e os solsticios e o sol fura e entra nas cámaras funerarias megalítica. Encontro arredor dese lume que é luz, vida e quentura. Esta vez aproveitado pra asar castañas, previamente triscadas pra que non rebenten. Non faltará na improvisada mesa no chan ese viño novo que, recen abertos os pipotes, comeza a falar por si so, o que aportaban ao convite os mozos. Namentres as mozas contribuían coas castañas. Agora non falta o churrasco, os chourizos crioulos e pra finalizar a queimada, invento de non hai máis de medio século. Sempre o lume. Ao remate os mozos e as mozas tisnábanse entre si coa cinza. E como máscaras baixaban do monte á urbe civilizada.

Aproveitará a Igrexa estes herdos, pra dende o século VI cristianizar estes cultos do pagus, pagáns e utilizará ao santo Martiño de Tours, no século IV cristianizador da Galia, cabaleiro, soldado romano con reliquias e devoción traída polo seu paisano da danubián Panonia e homónimo, Martiño de Dume, oposto ao priscilianismo e as costumes, autor De correctione rusticorum, anatemizando o culto panteísta aos Catro Elementos. Misoneiro que polos seus milagres logra que rei suevo Teodomiro renegue do arriarismo e se acolla ao cristianismo. As aras e o relicario da Catedral de Ourense fundaméntanse nas reliquias do Santo de Tours. Pra remataren ambos os dous martiños enredados e confundidos na Historia, celebrados no mesmo día, o do cimo dos magostos, o 11 de novembro. Festas nas campas abertas, as que agora tanto escasean, pois cóutanse de arames ou asfáltanse, cando non se enchen de gastos de afeamento que poñen a proba a ilustración municipal. Tamén nas soidades da casa, ou á súa porta, os velliños acendían a súa cacheliña e seguiren así, dalgún xeito a ancestral tradición. Recurso cultural e turístico cun inmenso bagaxe, pero que tamén se aculturiza con outras intromisións, pondo a proba a ética e a estética do momento, a agresividade, a violencia. E velaí o dito galego "fixo un bo magosto" ou aquelo de "sacar as castañas do lume". Do traballo, das tradicións, das relacións nace e espállase o idioma, a cultura como aporte ao universal e mostra do que somos.

(*) Técnico de cultura, exdirector do Museo de San Antón da Coruña, natural de O Carballiño.

Compartir el artículo

stats