Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Presidente da Asociación Galega Terra e Leite

Os novos grupos lácteos galegos

Nos últimos tempos asistimos a diversos movementos que se están producindo no sector lácteo galego, o principal motor económico do noso medio rural. O último destes é o terceiro intento de crear un grupo lácteo galego de base cooperativa, con capacidade para industrializar a cifra máxica duns 400 millóns de litros anuais. Un proxecto que procura sumar esforzos e aproveitar sinerxías co obxectivo de mellorar a posición competitiva deste sector que ten unha importancia capital na nosa comunidade. Por este motivo cómpre darlle os parabéns aos impulsores, aínda que a priori non estea moi claro o papel, que desde o punto de vista estratéxico, pode xogar para cumprir con este loable obxectivo.

Un tempo atrás, en plena campaña electoral, anunciouse outro gran proxecto para industrializar tamén 400 millóns de litros con alto valor engadido, aínda que o proxecto, como pronto, non estará en marcha ata o 2019. Trátase dunha sociedade limitada cun capital de tres mil euros que vai facer un investimento duns 70 millóns de euros. Non quedou moi claro quen son os empresarios nin quen vai achegar o músculo financeiro necesario para desenvolver o proxecto.

Tamén desde hai algún tempo, outro grupo de cooperativas, en colaboración con dous empresarios do sector lácteo en profunda crise, veñen traballando para anunciar que van a desenvolver outro proxecto con capacidade para transformar 400 millóns de litros. Pretenden neste caso fabricar queixo, leite en po e derivados de alto valor. Ao igual ca nos dous anteriores, tampouco sabemos da capacidade financeira, tecnolóxica e sobre todo comercial, pero, en todo caso, e ao igual ca os outros, benvidos sexan.

O que resulta unha mágoa é que en Galicia sempre aparezan grandes proxectos para o sector leiteiro cando este atravesa unha gran crise como a de agora. Quizais sexa porque nestes contextos predomina máis a présa e a demagoxia de dicir que se está facendo algo, que estudar de maneira seria a viabilidade das iniciativas formuladas. Se miramos cara outros países europeos produtores, comprobamos que alí actúase doutro xeito. As decisións adóptanse con visión estratéxica e a longo prazo. Os investimentos e as operacións de concentración empresarial (alianzas ou doutro tipo), fanse polo xeral antes das crises, non só para capealas mellor, senón tamén para afrontar novos mercados e novos segmentos de consumidores que permitan darlle saída á produción.

Ante tal cantidade de iniciativas, convén lembrar que en Galicia prodúcense 2.600 millóns de litros que na actualidade son absorbidos polos operadores actuais, de tal xeito que se os proxectos anunciados se confirman e consolidan, e os actuais non pechan, teremos que importar cantidades masivas de leite para transformar en Galicia, cousa posible, porque no mundo leite hai. O problema está en saber, neste contexto, a quen imos expulsar do mercado, xa que o consumo de produtos lácteos non está medrando, e o que medra, faino con produtos de alto valor engadido que controlan marcas tan potentes coma Danone ou Nestlé. Outra opción sería facer leite en po para o mercado asiático, pero neste caso hai que ter en conta que o leite en po emprégase habitualmente para regular os mercados locais cando hai excedentes e págase pouco por el ao produtor.

Vista esta realidade, desde Terra e Leite, pensamos que o tempo do grupo lácteo galego xa pasou e non vemos viables iniciativas de gran calado orientadas a articular o sector lácteo galego ao redor das mesmas, se estas iniciativas non teñen conexión co mercado mundial. Isto non quere dicir que non sexa positivo integrar cooperativas para gañar tamaño e aproveitar outras vantaxes como poden ser as derivadas da mellora da xestión e da profesionalización doutras actividades que veñen desenvolvendo desde hai tempo. En Galicia xa tivemos oportunidades para que se crearan grandes empresas asentadas aquí, pero non foi posible. Primeiro foi Larsa a finais dos oitenta, despois Leyma nos 90, e máis recentemente Alimentos Lácteos na crise do 2007. Despois, Leite Río, que creceu de xeito acelerado nos últimos anos chegando a recoller no 2012 o 16% do leite galego, pero na actualidade recolle arredor do 8%; e, por último, Feiraco, que vén operando desde 1970 e recolle hoxe un escaso 5% da produción galega.

Con todo, estas novas sobre grandes grupos lácteos galegos que transformarán inxentes cantidades de leite, contrastan coa que hai escasos días podía lerse na prensa gala, referente a unha compañía de orixe chinés que chegaba a un acordo comercial co principal grupo cooperativo galo (Sodiaal) para transformar 288 millóns de litros anuais. É unha iniciativa máis modesta cas nosas, pois non chegan aos 400 millóns de litros, pero invisten 170 millóns de euros nunha fábrica de leite en po para alimentación infantil destinada ao mercado chinés.

A principal diferenza con respecto aos nosos grupos lácteos non radica tanto na capacidade de transformación, senón na definición completa da ecuación, cantidade de subministro, capital investido e mercado de destino. Nas ecuacións galegas faltan as dúas últimas variables, ou cando menos son moi difusas.

Compartir el artículo

stats