Cando en 1993, un francés chamado Alain Michaud se acercou ata Lalín a propoñerlle ao alcalde naquela época, Xosé Crespo, a posibilidade de establecer un irmanamento entre os concellos Lalín e Lalinde, un pequeno pobo da Dordoña aos que so unía a similitude entre os seus nomes, poucos imaxinabamos que esta relación se estendería no tempo ata formalizarse, anos despois, nun irmanamento a seis bandas entre concellos de toda Europa.

Con motivo do encontro de concellos europeos LINDENS, que tivo lugar en Lalín a semana pasada, este irmanamento visibilizouse por fin nun panel de homenaxe aos nosos irmáns europeos, panel que xa repousa nun fermoso entorno do parque do Regueiriño. Chegar ata aquí non foi doado, e custou convencer ás autoridades municipais dos beneficios que supón manter vivo o irmanamento, pero a aposta do actual grupo de goberno lalinense, encabezado polo alcalde, Rafael Cuíña, e no que queremos destacar a implicación no proxecto do Concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, fixeron posible que "Lalín saúda Linden" renovara as súas forzas, dando pé a múltiples propostas de intercambio para os vindeiros anos, acordadas durante o encontro entre os concellos irmanados.

Pero nada disto se tería conseguido sen o traballo desinteresado das ducias de persoas que ao longo do últimos 23 anos inverteron o seu tempo e dedicación para que o irmanamento se mantivese fiel aos seus principios de diálogo intercultural e de paz entre os pobos de Europa. Os máis de 500 lalinenses que xa tiveron a oportunidade de participar nalgún dos diversos intercambios organizados dende "Linden saúda Linden", son unha boa proba de que este irmanamento xa forma parte das nosas vidas, e así seguirá en tanto a cidadanía así o desexe.

A todas as persoas que o fixeron posible, moitas grazas.

*Comité de Irmanamento de Lalín