Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Con Wallonia

Nos alicerces máis fondos da actual Unión Europea encóntrase aquela "Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro" que alguén moi poderoso intentou camuflar de "Europa Federal", na cal se incluían as pequenas patrias e nacionalidades occidentais. Digamos que do tipo Galicia e do tipo Wallonia, que hoxe vexo escrita como Valonia.

Os metais lixeiros acabaron cos pesados, as minas de carbón e de ferro foron seladas, a siderurxia converteu Wallonia, e non só, nun museo enferruxado do após-industrial. Cousas así pasaron no Grande Ducado de Luxemburgo e a mesma foto fixa reproduce a desolación do Ruhr e da Francia do Norte. Xusto onde naceu a impostura da Unión Europea, en Wallonia, xorde agora un signo precursor da ruína desta construcción supraestatal. A cámara de Wallonia rexeitou o tratado de sumisión da Unión Europea aos EE UU, via Canadá. Na realidade, este tratado era o trasvase segredo co cal a Grande Bretaña quería seguir metendo a man na UE despois da súa famosa retirada. Tamén o CETA é un aditamento, sumamente sofisticado, do TTIP.

Cómpre, agora, enfatizar algo que lle interesa a Xosé R. Pena, quen, alén de escritor de ficción e de historiador da literatura, é analista de temas internacionais. Isto é: quen rompe co Canadá ("c'est a dire, les EE UU et l'Angleterre") non son os bárbaros "populistas" nin as hostes brutais da filla de Le Pen. Quen racha é o goberno francófono de Bélxica gobernado, en coalición, polo Partido Socialista de Paul Magnette. E esta medida de decisión parlamentaria wallona está apoiada, un pouco á portuguesa, polos meus amigos do Partido do Traballo de Bélxica (m-l). A crenza en que anti-UE e pro-UE representan dereita e esquerda acaba de se derrubar en Wallonia.

Gosto moito do título do conto inmortal de Poe, pero isto non é aínda o afundimento da Casa Usher. Con todo si que está a esboroarse, perante os ollos sorprendidos dos interesados e interesadas, coma a pérfida Lagarde, a edificación do sistema que o Departamento de Estado dos EE UU ergue contra os traballadores do mundo e contra a URSS despois da II Guerra Mundial.

Estanse a derrubar as murallas e os baluartes e os adarves e as torres da homenaxe e vixías da UE, e o seu fin cheira á mesma morte á que cheiran os conglomerados industriais de Wallonia. Todo pasa, nada permanece. "Estreliña do luceiro/ a da moita claridá,/ vaise o día, vén a noite,/ vaise a noite mocedá". Os bravos wallóns, na liña de teórico Ludo Martens, do Partido do Traballo, rexeitaron un tratado que supuña a submisión de todos nós en forma de cabalo de Troia dos EE UU (vía Canadá). Beizón, Wallonia. Beizón, Partido Socialista francófono.

E tamén parabéns ao poeta ourensán Xaquín Silva que tan ben coñece Bélxica e o seu Partido do Traballo, hoxe en ascenso.

Compartir el artículo

stats