Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cento cincuenta anos do pasamento de Domingo Fontán

Na mañá do 24 de outubro de 1866 finou o ilustre Domingo Fontán na vila termal de Cuntis (Pontevedra) á que acudira a tomar os baños para as súas doenzas. Trasladado o seu corpo a Santiago, onde residía, foi enterrado ao día seguinte no Cemiterio Xeral, onde repousou ata que o 30 de decembro de 1988 foron trasladados os seus restos ao Panteón de Galegos Ilustres do convento de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela.

A figura de Domingo Fontán é atractiva para calquera que teña interese polo noso século XIX, a política, o noso desenvolvemento industrial e infraestrutural, a cartografía ou mesmo pola vida universitaria; pero a súa figura é indubidablemente fascinante cando se aborda na súa totalidade, se percibe a súa complexidade e se comprende a coherencia. É sen embargo unha figura de relativo descoñecemento público. Quizais o menos coñecido dos residentes no Panteón de Galegos Ilustres, e entre eles ten a singularidade dos méritos científicos xunto a unha permanente acción política a prol da súa patria galega.

Nado o 17 de abril de 1788 en Porta do Conde, parroquia de Santa María de Portas, no actual Concello de Portas (Pontevedra), conseguiu unha completa formación académica que o levou a ocupar a cátedra de Matemáticas Sublimes na Universidade de Santiago e que sustentou a intensa actividade científica, política e económica da que podemos destacar: secretario da Deputación provincial de Galicia (1820), secretario da Deputación provincial da Coruña (1822-23), deputado nas Cortes polas provincias de Lugo e Pontevedra de xeito case que ininterrompido desde 1836 ata 1843 chegando a ocupar a terceira secretaría do Congreso, Director do Observatorio Astronómico de Madrid, director da Escuela Especial de Ingenieros Geógrafos, encargado de trazar os principais camiños de Galicia, presidente da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago... Durante todo o tempo que foi deputado en Madrid realizou numerosas intervencións parlamentarias que xeralmente tiveron por centro a Galicia. Pero tamén tivo que loitar contra a represión e persecución política, mesmo no ámbito académico.

Pero, posiblemente, polo que resulta más coñecido Fontán é pola realización da "Carta Geométrica de Galicia". Desde 1817 e durante dezasete anos, Fontán dedicarase ao levantamento da referida carta. Toma a decisión de iniciar o mapa a pesares de non contar con apoio oficial, convencido de que a solución ós problemas de desenvolvemento de Galicia, especialmente os problemas de comunicacións, precisaban da existencia dun bo mapa do territorio; mapa que debería cumprir os requisitos de fiabilidade marcados polo desenvolvemento das ciencias fisicomatemáticas, aínda que coa limitación de ser un labor individual. Fontán entendía e defendía a necesidade do soporte cartográfico como apousento e referencia de tódolos feitos socioeconómicos localizables espacialmente.

O primeiro de decembro de 1834 presenta o manuscrito da "Carta Geométrica de Galicia" ante a Raíña Gobernadora, María Cristina de Borbón, aínda que a necesidade de atopar un experto gravador para a publicación da carta fixo que non fose ata 1845, levándose adiante o labor en París, baixo a dirección do autor, por L. Bouffard.

Unha das características máis importantes da carta é a súa escala. "Levantada y construida en la escala del cienmilésimo" (1:100000), coincide coa dos mapas oficiais doutros países europeos que escolleron a mesma ou parecida proporción; ademais, a súa elaboración supuxo un feito moi relevante: a introdución do sistema métrico. Sendo o mapa de Fontán o mellor levantado en España durante a primeira metade do século XIX e o único bo do territorio galego en case todo o século, Galicia adiantouse ó resto do Estado no coñecemento do seu territorio. E Fontán acadou os seus obxectivos: o mapa foi base cartográfica de proxectos de ferrocarril, de estradas, etc. Esta entrega ao pais e o atractivo do resultado cartográfico fixeron que autores como Castelao, Otero Pedrayo ou Cunqueiro lle dedicasen fermosas palabras ao autor e á obra.

Coincidindo con este sesquicentenario, a Fundación Penzol co propósito de achegar os seus fondos á sociedade galega e máis concretamente á viguesa, organiza xunto co Concello de Vigo unha exposición de cartografía que se inaugura hoxe na Casa Galega da Cultura, e na que a obra de Fontán ocupa o importante lugar que lle corresponde na historia do noso país.

*Profesor de Ciencias do Mar na UVigo

Compartir el artículo

stats