Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

O tren

Hai tempo lin un conto do escritor mexicano Juan José Arreola, El Guardagujas, no que conta a chegada dun tipo a unha estación baleira, na que atopa un vello ferroviario cunha lanterna vermella na man, co que entabla unha surrealista conversa do absurdo, no transcorrer da cal este, que non é outro que o gardaagullas, advirte ao viaxeiro dos perigos do sistema ferroviario do país; un sistema absurdo, inverosímil e fantástico. Trátase dunha especie de metáfora, unha parábola sobre a vida, esta vida que nos están a vender envolta en papel de celofán chea de contradicións, mentiras, traizóns e intereses aberrantes, dos mercados e mercadores do todo vale.

Cóntalle que aquí os trens non teñen un destino claro, nin un itinerario definido, ás veces os trens quedan abandonados no medio das vías e os pasaxeiros baixan e fundan novas vilas para seguir vivindo. Nesta irrealidade do conto, os viaxeiros mesmo colaboran coa empresa todopoderosa que traballa coma un "grande irmán" que o controla e vixía todo, realizando traballos inútiles e descabellados -coma desarmar un tren peza a peza para cruzar un río, xa que non hai ponte para pasar dun ao outro lado-. A empresa crea unha ficción para tranquilidade dos pasaxeiros, e a súa felicidade, amosando paisaxes idílicos pintados, coma un decorado de cine, polos que transita o tren, con maniquís e estacións de paso falsas, para domesticar aos viaxeiros e suplantar a realidade de fóra, pola que eles están dispostos a crer para vivir harmonicamente tranquilos a vida no interior do tren, onde mesmo se crean escolas de ensino nas que aqueles aprenden o que á empresa mais lle convén, fabricando persoas sumisas e obedientes que non cuestionen o sistema, nin a dirección, nin o sistema da empresa.

Nesta realidade fantástica ao máis puro estilo kafkiano, ou modernamente de García Márquez, atopamos unha crítica feroz ao mercantilismo deshumanizado dos tempos modernos. Resulta evidente como a sociedade que crea o poder, esta empresa pantasma, no noso mundo globalizado, establece normas de comportamento, e leis que ameazan e amedrentan aos pasaxeiros, castrando a nosa vontade ata que rematamos aceptando de bo grado mesmo os tormentos nos que nos fan vivir esta viaxe en tren que, semella no conto, é a vida, coma unha metáfora cuántica.

Aceptamos todo, sen cuestionarnos se é verdade ou mentira, agochamos a cachola, calamos, humillámonos e seguimos no vagón cemiterio aceptando o absurdo e agardando chegar algures, mesmo que sexa diferente e afastado do que inicialmente pretendiamos cando subimos ao noso tren, porque o único importante é vivir, e non importan nin ideais, nin soños, nin proxectos, tan so subir e seguir no tren, gozar da viaxe e, se temos a sorte de acadar o noso destino inicial, pois ben, senón temos que aceptar o que nos toque e que nos deixen tirados en calquera estación esquecida, misérrima e podre na que malvivir e morrer atrapados no tempo inexistente do interior deste fantástico vagón dun tren surrealista, nunha vía sen principio nin fin na que o único certo é nacer, vivir e morrer.

Compartir el artículo

stats