tribuna del lector

Funcionarios e xuíces exemplares

25.10.2016 | 02:16
Funcionarios e xuíces exemplares

Hai ben pouco tempo acudiamos á Fonsagrada para festexarmos un feito insólito na historia da lingua galega: cumpríanse vintecinco anos de ininterrompida actividade xudicial en lingua galega do seu xulgado. O mérito correspóndelles a partes iguais aos funcionarios e os catro xuíces que por ali foron pasando sucesivamente: Xoán Montes, Alberto Beneitez (que malia a súa oríxe vasca fixo o esforzo de estudar a nosa lingua), Luís Villares e Eladio Prieto. Nos arquivos daquel organismo xudicial están custodiados centos de sentenzas escritas en galego.

Un pouquiño máis tarde, volvémonos xuntar en Redondela para lembrar a primeira sentenza publicada en lingua galega despois de catro séculos de proscrición. Aquela resolución xudicial fora posible grazas ás xestións realizadas polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello perante a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña presidida polo falecido maxistrado Claudio Movilla Álvarez.Ao acto acudíu o tamén maxistrado, Gonzalo de Huerga e un bo número de avogados e procuradores. Para a memoria colectiva queda na fachada da Casa do Concello unha placa na que se recorda aquel feito histórico.

A Irmandade Xurídica Galega, que é a herdeira deste proceso regaleguizador da Administración de Xustiza, ten preparado un programa de actos itinerantes polos xulgados nos que tamén se ditaron sentenzas no noso idioma por primeira vez. Empezaremos o próximo día 26 nos xulgados de Cangas,coa colaboración do Concello, descubrindo monumento perpetuando o exemplo dos maxistrados Alejandro Couselo e Dalila Dopazo por teren ditadas as súas resolucións xudiciais en galego. A este acto están convocados todos os profesionais do dereito do partido xudicial, que terán a oportunidade de asinaren unha declaración de compromiso seguindo o exemplo dos anteditos xuíces.

Nos próximos meses escenificaranse actos semellantes en O Carballiño, Marín, Lalín, A Estrada, Caldas de Reis, Carballo, Noia, Ribeira, Corcubión, Santiago, Arzúa? para deixarmos constancia tamén dos exemplos doutros tantos xuíces que son merecentes do recoñecemento e admiración polo seu empeño en procurarlle á lingua galega novos espazos de uso.

O futuro da lingua galega non pode pivotar sobre a literatura. O ISBN indicou que o pasado exercicio editaronse un total de 2.266 libros, 338 menos que o 2014. Unha cifra que evidencia que o índice de lectores en Galicia non fai máis que baixar ano tras ano. Xa que logo, é meritorio o traballo que desde outros ámbitos extraliterarios se está a facer para que o noso idioma estea presente noutros espazos de uso ata agora inéditos: o socioeconómico e nas actividades xurídicas. A lingua galega está necesitada de prestixio social, e estes profesionais dánllelo.

A Irmandade Xurídica Galega, que aglutina a máis de douscentos xuristas, entre os que están ao pé de trinta e cinco xuíces e fiscais, coñece as dificultades que existen para normalizar a lingua galega nas oficinas xudiciais pola falta de aplicacións informáticas que posibiliten o proceso, pero intenta superar esas dificultades cos entusiasmos de funcionarios e profesionais do dereito.

A esta arela galeguizadora débense sumar os sectores máis conscientes da sociedade facendo valer os seus dereitos lingüísticos perantes os xulgados e notarias; sobre todo nestas últimas, onde tantos documentos xurídicos se tramitan. Somos un país de pequenos propietarios que acuden a estas oficinas para faceren declaracións de herdeiros, que non sempre se escrituran no noso idioma.Velaí a contribución de cada un dos galegos e galegas.

*Presidente Foro E. Peinador.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine