Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

El declive demográfico Economista y politólogo

Agonía de Galicia

Como cualificaríamos a uns fillos que deixan agoniar a súa nai podendo salvala? A quen responsabilizaríamos máis da salvación da nai? Aos que teñen recursos para axudala ou aos menos afortunados?

Galicia é neste caso a nosa nai. Entre nós, irmáns, hai de todo. Hai descastados, egoístas e parvos. Hainos decentes e comprometidos tamén. Hai quen non pode axudar a evitar o desenlace autoxenocida que se aveciña -mozos precarios, parados, doentes, ...-, pero tamén hai quen se agacha tras deles, non querendo axudar a pesares de poder facelo sen grandes sacrificios -xente con bos empregos e saúde-. A diferenza do que ocorre coa evasión fiscal, neste eido da fecundidade todo o mundo pode ser retratado e identificado. Hai quen non pode contribuír e hai quen non quere contribuír a que Galicia deixe de ser líder mundial da infecundidade. A nosa situación é tan crítica que mesmo debera levar aos bispos galegos a pregar unha dispensa xeral para que os nosos cregos quedaran sen celibato.

Levo case 20 anos escribindo sobre a desfeita demográfica de Galicia. Esta desfeita é tráxica, cun desenlace que só unha reacción heroica pode impedir. Que nos diga o INE que Galicia vai perder en 15 anos tantos galegos como a suma dos veciños de Lugo e Ourense, máis Lalín e Cerdedo-Cotobade, non estraña. Aínda semella escaso porque levamos décadas -con crises e notables bonanzas económicas por medio- padecendo a fecundidade máis baixa de Europa, agás Asturias.

Estamos condenados pola nosa lei de ferro g + g = g. Unha lei de ferro que hai que tronzar, incompatible co noso grao de desenvolvemento e benestar, calibrado pola esperanza media de vida ao nacer. Se cada xeración só xera media xeración remátase no colapso.

Xa non hai tempo para laios. Agora cómpren solucións. Dende o Museo do Pobo Galego, humilde pero fundamental institución creada mesmo antes de se constituír Galicia como Comunidade, fixemos propostas que fican a dispor de todos no libro "Galicia: un pobo con futuro? O noso devalo demográfico" (Edicións Xerais). Mesmo algúns temos colaborado na proposta dunha lei codificadora de medidas concretas, viables e sostibles, dispoñible de balde en http://leideimpulsodemograficodegalicia.blogspot.com.es/ . Daquela, sen arrogarnos o don da infalibilidade, si que hai unha base para empezar a construír axiña un consenso vital que persista canda menos durante dúas xeracións.

Que sucederá se non contribuímos todos os que podamos a rexuvenecer Galicia? Pois de entrada que Galicia será cada vez máis irrelevante, feble e dependente en España. Non tardaremos moito en ver como a financiación autonómica tende ao normal en todo o mundo, que é atender ao criterio de poboación, porque o meirande volume de electores concéntrase na costa Mediterránea, agás Madrid.

Tampouco tardaremos en ver como as CC.AA. con saldo positivo na conta da SS pedirán ter caixa propia, por moito que diga a Constitución da caixa única, xa que para mudar iso non se precisa dun referéndum. Cadrará todo isto cun derrube da demanda interna galega e coa desvalorización dos nosos inmobles, onde investimos a meirande parte do aforro.

Para saír deste labirinto non abonda con receitar obviedades sen explicar como acadalas. A competitividade non vai chegar polo Nadal. Tampouco vale laretar sobre importar modelos que, aparte de funcionar menos do que cremos -pregunten aos daneses, fineses, belgas, ...- nós non podemos pagar durante trinta ou corenta anos. Daquela pensemos en terapias que si podamos afrontar de xeito inmediato, monitorizando cada pouco os resultados acadados.

Galicia debe pensar axiña en estimular que os que poidan ter ou adoptar fillos en boas condicións o fagan. Estaremos falando dunha poboación obxectivo dun 20% dos que se atopan en idade fértil. Intervir neste grupo serviría como catalizador para centrarnos logo na poboación que sofre atrancos obxectivos para ter fillos. Desincentivar a infecundidade dos afortunados non se fai noutros países porque tampouco se atopan nunha situación tan pésima coma nós. Pensen nos yaramisos xaponeses ou nos Kinderlos alemáns, que viven nunha adolescencia perpetua grazas a súa renda. Xapón e Alemaña poden compensar a falla das súas contribucións vitais pola súa elevada riqueza nacional acumulada, pero nós non.

Aquí e agora trátase de elixir entre vivir ou agoniar. Durante un tempo poderemos contar coa axuda do conxunto de España, aínda que España tampouco está para resistir demasiado, como demostra a inminente necesidade de reformular a súa SS e a imposibilidade de incrementar a súa débeda pública ata o nivel de Grecia -algo que non desagradaría aos que pensan que isto da fecundidade é cousa de retrasados, ansiosos por fornecer ó exército de reserva laboral do capitalismo-. Miren ao seu redor e comprobarán que non ten máis fillos quen mellor pode telos. Fagan reconto entre coñecidos e achegados, e convídenos a darlle nova vida a Galicia.

Compartir el artículo

stats